AVANCE | Feas tamén di non aos eólicos
A comunidade de montes de Feas, unha das tres afectadas polo proxecto de Greenalia de instalar un polígono eólico nos montes da Aguioncha e Pena Loba, di non á instalación de eólicos. Á reunión, que se celebrou pola noite no centro social de Feas (Calvos de Randín), asistiu o alcalde, Aquilino Valencia (PSOE).
Segundo fonte coñecedoras da xuntanza, as comuneiras e comuneiros, unha ducia e media de persoas, mostraron a súa inquedanza polos impactos na saúde das máquinas aeroxeradoras (o muíño máis próximo segundo a documentación presentada pola promotora ficaría a 1 quilometro da aldea) e nas augas que nacen nesas montañas e que fan parte da cunca do río Salas.
As outras dúas comunidades de montes afectadas no concello, as de Serois e Lobás, aínda non se pronunciaron publicamente, mais son menos comuneiros e con menos superficie afectada no proxecto. En Meaus (Baltar), o presidente dos comuneiros, recoñeceu esta semana ao Diario da Limia que as veciñas e veciños non queren os eólicos polos posíbeis efectos negativos á saúde.
Tanto Aquilino Valencia, alcalde de Calvos de Randín, como José Antonio Feijoo (PP), alcalde de Baltar, manifestaron a este diario que estaban a disposición dos propietarios e que respectarían e apoiarán a decisión que estes tomen, aínda que de inicio, ambos declaráronse favorábeis a unha instalación que promete aumentar os ingresos dos concellos.
Calvos de Randín é o cuarto concello da Limia no que os proxectos eólicos de grandes corporacións enerxéticas topan resistencia. O primeiro en manifestarse en contra dun megaparque no seu territorio foi Vilar de Barrio, onde a corporación rexeitou por unanimidade en 2021 o proxecto da empresa norueguesa Statkraft para chantar aeroxeradores no Macizo Central nun polígono eólico que afecta a once concellos.
Despois, en xaneiro pasado, a raíz da publicación dos plans de Iberdrola para conectar o polígono de San Martiño (Baltar) coa subestación do Larouco, en Cualedro, mediante unha liña de alta tensión que percorrería 11 quilómetros pola faldra norte da serra, produciuse unha forte contestación veciñal, con 300 alegacións ao proxecto só no Concello de Baltar.
Calvos de Randín é o cuarto concello da Limia no que os proxectos eólicos de grandes corporacións enerxéticas topan resistencia.
O goberno de José Antonio Feijoo, en principio favorábel tanto ao polígono de San Martiño como a LAT do Larouco, mudou a súa postura e presentou alegacións contra ambas infraestruturas. Tamén a alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, presentou alegacións en nome do goberno local (cuatripartito) solicitando a aplicación da alternativa cero, é dicir, que se renunciase á infraestrutura.
A oposición á LAT do Larouco, que mesmo obrigou a Iberdrola a manter unha reunión pública con políticos, comuneiros e veciñanza na Casa da Cultura de Baltar a finais de xaneiro, activou as alarmas no occidente da Limia, onde Calvos de Randín ten figuras de protección ambiental (Reserva da Biosfera, e parte do Parque Natural do Xurés) e hai constancia dunha riqueza arqueolóxica por investigar, alén dos evidentes valores paisaxísticos da áreas como o Larouco, A Boullosa ou a Aguioncha e a Loba.
[EN ACTUALIZACIÓN]