Nunha reunión na parroquia, tamén se tratou sobre os plans de saneamento e asfaltado

NOTICIAS A LIMIA | Vilar de Barrio informa á veciñanza de Arnuíde do interese dunha fotovoltaica por uns comunais

O alcalde e concelleiros, o domingo coa veciñanza de Arnuíde. | FOTO: Concello de Vilar de Barrio.

Detrás das eólicas, veñen as fotovoltaicas. Está pasando en moitas partes do país. Alí onde os aeroxeradores topan con certa resistencia social ou institucional, aparecen as empresas de enerxía fotovoltáica para expoñer os seus plans de construír polígonos de aproveitamento de enerxía solar. En Vilar de Barrio, unha destas empresas dirixiuse ao goberno local e o alcalde e varios concelleiros transmitiron o interese á veciñanza de Arnuíde. Os comuneiros son os propietarios dos terreos que desexa a empresa. 


Foi este domingo, nunha xuntanza da corporación (a este tipo de reunións nas parroquias están convidados todos os concelleiros) con veciñas e veciños de Arnuíde. “Decidirán os comuneiros, que son os propietarios dos montes”, di o alcalde, Manuel Conde, que o ano pasado conseguiu o acordo unánime dos grupos para opoñerse á instalación dun polígono eólico na serra (28 máquinas de 130 metros de altura).


“Calquera proxecto para a instalación de infraestruturas destinadas á enerxía eólica ou doutro tipo, debe ser respectuoso coa Serra de San Mamede, efectuarase en consenso cos afectados e redundará no desenvolvemento social do entorno”, pódese ler na declaración institucional do Concello, de febreiro de 2021.


Outros asuntos cotiás suscitaron máis interese entre a veciñanza de Arnuíde, onde se recuperaba a práctica das asembleas abertas suspendidas durante a pandemia. Falouse dos plans de saneamento que se executarán “a medio prazo” pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil, comenta o alcalde, que avanzou que o proxecto está en proceso de redacción e permitirá evitar “a contaminación do Arnoia”.


Tamén se informou da limpeza do punto de captación de augas, que despois se acometeu entre o luns e o martes. “Cada vez que hai unha tormenta forte que fai que se mova terra, a auga empeza a chegar turbia ás casas. Sabemos que a limpeza non é a solución definitiva porque nesa zona da serra os arrastres son continuos, pero temos que facela cada pouco tempo”, explica Conde. Hoxe está previsto limpar o depósito.


Os cartos do plan de camiños da Deputación irán este ano para Arnuíde. Todo o investimento. Igual que se fixo en anos anteriores en Rebordechau e despois en Penouzos e Porto. En canto a substitución de luminarias, están rematando os traballos en catro aldeas e as próximas licitacións serán Porto e Maus e completarase no Folón, Arnuíde.