AVANCE | Medio Rural di que o estudo da parcelaria de Rairiz confundiu gandaría “intensiva” con gandaría “existente”
O Estudo previo de iniciación dunha concentración parcelaria na parroquia de Rairiz, no que se xustificaba a necesidade da actuación advertindo que “existen explotacións gandeiras de tipo intensivo, e vocación na zona para establecemento de novas explotacións” (páxina 68) e que “o incremento do tamaño das parcelas e a súa ordenación permitirá satisfacer a demanda de leiras para o establecemento de novas instalacións gandeiras de tipo intensivo, porcino, aves e coellos, ligadas ás cooperativas ourensás, COREN” (páxina 70), e que pasou o trámite de exposición pública durante o mes de agosto, e antes foi remitido para consultas á Subdelegación do Goberno, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, ao Concello de Rairiz de Veiga, á Confederación Hidrográfica Miño-Sil, á Deputación Provincial de Ourense, ao Servizo de Montes de Ourense, a cinco direccións xerais -Ordenación do Territorio; Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Planificación de Ordenación Forestal, de Patrimonio Cultural e de Patrimonio Natural- e ao Comité Técnico Asesor de Reestruturación Parcelaria da provincia, contiña un erro.
A Consellería de Medio Rural, que avalou o Estudo, redactado en setembro de 2021 por técnicos do Servizo de Infraestruturas Agrarias da Xefatura Territorial da consellería en Ourense, di agora, un ano despois, que o documento contén un “erro”.
A apelación aos intereses e demandas da gandaría intensiva que contén o apartado de conclusións do Estudo no que se xustifica a necesidade de levar adiante unha parcelaria na zona é un “erro”, segundo a resposta de Medio Rural á pregunta do Diario do Limia a respecto se o departamento que dirixe José González apreciaba algunha contradición entre este argumento e a intención, declarada publicamente, polos principais axentes da Mesa da Limia sobre a necesidade de controlar e limitar a expansión da gandaría intensiva na comarca da Limia.
“Onde di explotacións de gandaría intensiva ten que dicir explotación de gandaría existentes”, explicaron telefonicamente fontes da Consellería de Medio Rural.
Un “erro” dos redactores do proxecto que terá unha “corrección” durante a tramitación do procedemento, mais Medio Rural, o seu departamento de prensa, non podía precisar aínda en que momento e que órgano é competente para corrixir o erro. “Onde di explotacións de gandaría intensiva ten que dicir explotación de gandaría existentes”, explicaron telefonicamente fontes da Consellería de Medio Rural, que admitiron descoñecer si se eliminará tamén a referencia a COREN, que ten como base do seu modelo de negocio a gandaría intensiva.