A Xefa de Servizo de Explotacións Agrarias en Ourense di que a fase de control podería empezar tamén este ano

AVANCE | A Xunta está a visitar explotacións porcinas para obter datos sobre a xestión dos xurros

Rodríguez Soto, xefa de Servizo de Explotacións Agrarias en Ourense, en primeiro termo, este mércores no Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro, en Xinzo. | FOTO: Noelia Caseiro.

Encarna Rodríguez Soto, xefa de Servizo de Explotacións Agrarias en Ourense, dependente da Consellería de Medio Rural, dixo este mércores en Xinzo de Limia que a Xunta de Galicia “está en fase de recollida de información, agora nas explotacións de porcino, e a continuación nas avícolas, sobre a xestión dos estercos e dos xurros”.


Medio Rural analiza a produción de residuos de cada explotación, a súa capacidade de almacenamento e o destino que lle dan: se os poñen en mans de xestores de residuos ou os incorporan a parcelas agrícolas. Técnicos da consellería xa visitaron a varios produtores na Limia. 


“O Ministerio de Agricultura está preparando un plan de control, que aínda non está aprobado pero contamos con que se aprobará este mesmo ano”, avanzou Rodríguez Soto no transcurso dunha xornada informativa sobre un proxecto Interreg sobre economía circular que se celebrou no Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro. “A partir de aí, entraremos na fase de control”.


A responsábel provincial explicou que as visitas que están a realizar os técnicos responden á intención de Medio Rural de “adiantarse e recoller e ofrecer información para saber que se fai realmente cos estercos e cos xurros que se producen”. A consellería, sinalou, ten a idea de organizar dúas xornadas formativas para produtores de porcino e de aves, e prepara outra para agricultores para dar a coñecer os detalles do futuro real decreto sobre fertilización sostíbel, que esixirá unha trazabilidade da produción e do uso dos estercos e dos xurros.


Rodríguez Soto tamén animou á iniciativa privada da comarca, veña do sector produtor ou doutros, a desenvolver “iniciativas empresarias para poñer en valor todo o que non é posíbel absorber”, e opinou que “os xurros e os estercos teñen un potencial cuxo valor non se pode desaproveitar, e máis nun contexto de encarecemento dos fertilizantes”.


As xornadas, baixo o título de Circular Labs: promovendo a economía circular no espazo ibérico, estiveron organizadas polo Inorde, cuxa xerente, Emma González foi a encargada de presentar ás conferenciantes.


[NOTICIA EN AMPLIACIÓN