ENTREVISTA | “No campo hai emprego, falta man de obra”
No Centro Agrogandeiro do Inorde en Xinzo realízanse cada ano máis de 2.000 analíticas da terra e a calidade dos solos limiaos presenta “uns niveis de materia orgánica excepcionais”, di Servando Álvarez, que leva traballando no instituto desde o ano que se inaugurou, 1998. Hoxe están el, responsábel do centro, e dúas persoas no laboratorio, ademais do persoal que atende as fincas de ensaio, unha de 22 hectáreas en Sandiás e outra de hectárea e media en Monterrei.
No campo hai traballo?
Hai. Hai emprego. Falta man de obra, moita. Malia que a maioría das explotacións están mecanizadas, vólvese necesitar man de obra, sobre todo, especializada. E esa demanda non a están a cubrir os ciclos formativos. Os alumnos que saen deles non chegan ao campo.
Por que non se cubre esa demanda?
Pensemos nos meses máis duros da pandemia. O agricultor non parou. Os supermercados estiveron cheos de alimentos. Esquecemos isto? A profesión de agricultor segue sendo un pouco desprezada. En Francia non pasa o mesmo, alí é moi valorada socialmente. Deberiamos reparar nisto. Aquí, na Limia, nese sentido hai outra percepción e vemos como se segue a incorporar xente moza.
Que riscos trae esa falta de recoñecemento social?
Como todo isto siga por este camiño, e falo de altos prezos en todo o que se necesita para producir, as marxes abusivas dos distribuidores, falta de respaldo á figura do agricultor... pois pode chegar un momento que este país non teña a produción primaria necesaria para nos alimentar e empecemos a depender doutros países. E xa se está vendo o que pasa cos chips, a tecnoloxía e todo iso cando dependes doutros. E comer hai que comer todos os días.
De momento, mantemos a soberanía alimentaria?
Mantémola. Pero eu diría que malamente.
A profesión de agricultor segue sendo un pouco desprezada. En Francia non pasa o mesmo, alí é moi valorada socialmente. Deberiamos reparar nisto.
Que tipo de emprego ofrece a agricultura?
No campo hai emprego, hai autoemprego e emprego asalariado. Pero hai problemas á hora de conseguir persoal cualificado. Por exemplo, cando é a recollida de pataca, e porque cada vez se fai máis de xeito manual, ou labores de plantación de horta, recórrese a empresas que traen xente de Almería, de Murcia… Para traballar a viña, en época de poda e demais, non tes xente. No tema forestal, no coidado dos soutos, por exemplo para podas rexenerativas, non tes xente. Fai falta xente, o que non podo saber é se falta por cuestións de salario ou por que.
Como afectou a pandemia aos traballos no centro?
Nós non paramos, como os agricultores. Non paramos aquí no centro. Pero é certo que se tronzou o traballo máis alá das fincas de Sandiás e Monterrei. Estabamos a desenvolver por toda a provincia campos de ensaio en relación a proxectos de emprendemento. Procurabamos cubrir toda a provincia. Todo se parou ca pandemia. A vontade do Inorde é recuperar todas estas iniciativas.
Cales son as expectativas para este 2022?
Estamos facendo máis analíticas que o ano pasado. Iso significa que podería haber un incremento da superficie que se vai plantar. É sorprendente, porque esperabamos que este ano se plantase menos dado os prezos, indecentes, que están alcanzando produtos básicos como os abonos, os fitosanitarios, mesmo o gasóleo… mais o sector está a responder dando un paso adiante. E os datos que temos de venda de abonos e nutrientes pois indican o mesmo, vemos que se están mantendo malia os prezos. Despois está o factor climatolóxico.
Podería haber un incremento da superficie que se vai plantar. É sorprendente, porque esperabamos que este ano se plantase menos dado os prezos, indecentes, que están alcanzando produtos básicos como os abonos, os fitosanitarios, mesmo o gasóleo.
E como está este factor?
Levamos un inverno tremendamente seco e a auga é fundamental para a agricultura. A ver que pasa até a primavera que será cando se plante. Hai unha seca moi forte. No inverno caeu a cuarta parte de auga do que tiña que caer. As plantas necesitan certa humidade, e se non a teñen, por moito que planifiques...
Os regadíos son unha alternativa?
Claramente. Pero na Limia haberá unhas 20.000 hectáreas de superficie agraria útil e os regadíos non chegan nin a unha sexta parte. As comunidades que están constituídas teñen esa capacidade de ter unha boca de rego en cada parcela. A Xunta e o Ministerio e demais parece que están polo labor de que pase en toda A Limia.
En que axudan os regadíos?
En todo. Podes diversificar cultivos. E se varias cultivos, coidas o solo. Coidar o solo significa menos pragas, poder plantar horta, que é unha alternativa clara á pataca. Se amplías a oferta de fincas con regadío, atraes xente moza ao campo. Que pasa hoxe? As fincas con regadío son poucas, están moi demandadas, e se alugas tes que pagar todos os anos, e se a pataca é o que dá rendemento, pois non diversificas cultivos porque non che daría para pagar o alugueiro.
Vostede di que o solo da Limia é excepcional, pero a calidade das augas está en cuestión. Como afectaría á agricultura unha declaración de zona vulnerábel por nitratos?
Hai certo nesgo na visión que se ten do que se fai na Limia. Aquí a maioría das prácticas son respectuosas. Haberá que admitir as normas e obrar en consecuencia. Unha declaración dese tipo implicará que cambien moitas formas de traballar. E haberá que facelo, porque cho esixen as normas e porque o mercado tamén acabará por esixilo. Pedirá non só calidade; tamén respecto polo medio ambiente. Se entra unha normativa de nitratos, axudará a fixar conceptos, todo estará máis claro.
Nesta cuestión o foco está sobre os gandeiros, como están traballando os agricultores?
Existe unha guía estatal de fertilización. Dá directrices precisas como o límite de 220 quilogramos de nitróxeno por ano para a pataca. Aquí non se alcanza ese nivel. No cereal, o nivel tamén está moi por baixo do límite que se recomenda. Dito isto, o problema coas augas está aí, haberá que adaptarse ás novas normas. O sector xa se adaptou antes a outras normas que parecía que ían acabar con todo e non se acabou o mundo.
Unha declaración dese tipo [zona vulnerábel aos nitratos] implicará que cambien moitas formas de traballar. E haberá que facelo, porque cho esixen as normas e porque o mercado tamén acabará por esixilo.
E que facer cos estercos? A comunidade científica di que A Limia non soporta tanta carga.
Se hai moita granxa e as granxas producen un subproduto, non me gusta chamalo residuo... hai que ver maneira de que os estercos volvan entrar no ciclo produtivo, aproveitalos. Os estercos non poden ser un problema.