Sen pompa, con aparente disimulo, nunha comisión parlamentaria que reduce o debate a un intercambio de dez minutos entre os portavoces dos grupos, nun texto inzado de demandas ao Goberno do Estado, este mércores, antes do descanso de Semana Santa, así chegará ao Parlamento o Plan Estratéxico do Sector Agrario na Limia (PEL).
Non será sequera un debate co plan sobre a mesa, apenas unha declaración de intencións: unha iniciativa do grupo do PP, que sostén ao Goberno da Xunta, para “impulsar” un plan “xa posto en marcha pola Consellería do Medio Rural", malia que a única actividade do plan até o momento son as referencias a el no Parlamento, como recolle o propio texto da iniciativa. “Nas últimas comparecencias do goberno galego neste Parlamento expuxéronse as actuacións a desenvolver no territorio”.
O plan que está redactado e entregado a finais do ano pasado polo equipo redactor, unha fundación privada (Juana de Vega) e os técnicos do GDR Limia-Arnoia, chegará ao Parlamento a través da Comisión de Agricultura, que se poderá seguir en vivo na canle do Parlamento (https://www.es.parlamentodegalicia.es/) a partir das 10:00 horas.
O PEL, ou máis ben esta entrada en escena, responde á distintas necesidades políticas do Goberno galego. A primeira, poñer a tapa da solución antes de que verta o problema. A Xunta e o Goberno do Estado levan meses (desde que as institucións europeas urxiron atallar a contaminación na Limia) como dous ciclistas parados no alto do velódromo esperando a ver quen arranca antes para coller a roda.
A segunda é dar unha resposta ás inquedanzas de agricultores e gandeiros que saben que as esixencias de Europa hanse de cumprir e serán un encordio. Agora cobra todo o sentido aquela tractorada de finais de marzo animada por actores moi diversos. Era (tamén) un laio contra a declaración de zona vulnerábel que vén enriba.
Gandeiros e agricultores levaban esperando, pacientes, a reacción desde as institucións que esixiron desde aquel escenario improvisado no remolque dun tractor. E a Xunta gardaba a resposta nun caixón á espera do momento. Mais en plena sucesión de Feijoo e en metade dunha crise de prezos da que non se albisca o final, o momento nunca chegaba.
O PEL non porá remedio nin á declaración de zona vulnerábel nin á crise de prezos, pero servirá para que os ciclistas se desemparellen e boten a correr detrás dunha solución para o máis urxente: parar a contaminación das augas da Limia, antes de pensar en como recuperalas.
A un ano das municipais e dous das galegas, o PP en todos os niveis non podía seguir esperando a que o Estado iniciase o procedemento para a declaración de augas afectadas, trámite previo a declaración desde a Xunta da zona como vulnerábel. Así que tomou a iniciativa, aínda que dunha maneira tímida, polo menos en canto a elección da porta de entrada no Parlamento.
“O fundamental para esta zona é reorientar a produción agraria cara a un modelo máis sostible, reducindo a contaminación de augas e solos”, indica a proposta popular, que asinan, entre outros, Carlos Gómez (responsábel do PP en Xinzo de Limia) e José Antonio Armada (ex alcalde de Bande).
O PEL asoma. A declaración de vulnerabilidade pende dun fío. O sector primario na comarca está teoricamente unido... e calado desde a tractorada. O movemento ecoloxista segue a denunciar a desfeita. E a desfeita non parou, malia as boas intencións. Auga Limpa reaparece noutra conferencia na Universidade... Despois de todo, case nada se moveu.