Despois de Vilar de Barrio, agora Os Blancos. O segundo concello limiao máis pequeno por número de habitantes tamén quere protexer a súa principal fonte de riqueza: as granxas. José Manuel Castro (PP), á fronte do goberno municipal desde 2011, di que no Concello dos Blancos “tamén imos facer un estudo para saber se debería ser ou non zona vulnerábel”.
“A Limia, nesta cuestión, non ten que ver cos Blancos. A Limia pode ser vulnerábel e Os Blancos, non. Entendo que A Limia ten unhas características moi específicas neste tema, e pode que aí xa se tivera que ter feito a declaración de zona vulnerábel. No caso dos Blancos, eu creo que aínda non. Pero non son experto e isto deberano dicir os técnicos”, sostén José Manuel Castro, en conversa na Casa do Concello co Diario do Limia.
En decembro de 2021, despois dunha serie de advertencias a España, a Comisión Europea decidiu levar ao Estado diante do Tribunal de Xustiza da Unión Europea por non ter tomado medidas abondo contra da contaminación por nitratos.
A ameaza de declaración da Limia como zona vulnerábel xa non depende só de Madrid, onde o Ministerio de Transición Ecológica y el Reto Demográfico tramita desde o ano pasado un decreto sobre protección de augas contra a contaminación difusa producida por nitratos procedentes de fontes agrarias.
“Se os técnicos aos que imos consultar din: ‘Isto acabouse’; pois acabouse e non pasa nada”, asegura o alcalde dos Blancos. E engade: “pero se é viábel que se monten máis granxas en intensivo porque temos territorio suficiente, pois que se poidan montar, sexa de polos ou de porcos”. Castro pensa que si hai territorio. E ademais cre que outros concellos da comarca tamén poderían quedar fóra dunha eventual declaración de zona vulnerábel. “Caso de Calvos de Randín, por exemplo”.
A principios de mes, foi Vilar de Barrio o primeiro concello en facer pública a súa intención de solicitar unha excepción para as súas parroquias limiás no caso dunha eventual declaración da Limia como zona vulnerábel. Alí, o alcalde, Manuel Conde (BNG), xa encargou un estudo que, en palabras súas, demostrará que as prácticas das explotacións gandeiras en intensivo “responden aos parámetros que podiamos chamar ecoloxistas ou verdes”.
🐽 🧅 🐓🐂 𝙉𝙊𝙏𝙄𝘾𝙄𝘼𝙎 𝘼 𝙇𝙄𝙈𝙄𝘼 | 𝗩𝗶𝗹𝗮𝗿 𝗱𝗲 𝗕𝗮𝗿𝗿𝗶𝗼 𝗽𝗲𝗱𝗶𝗿𝗮́ 𝗮 𝗲𝘅𝗰𝗲𝗽𝗰𝗶𝗼́𝗻 𝘀𝗲 𝗮 𝗟𝗶𝗺𝗶𝗮 𝗲́ 𝗱𝗲𝗰𝗹𝗮𝗿𝗮𝗱𝗮 𝘇𝗼𝗻𝗮 𝘃𝘂𝗹𝗻𝗲𝗿𝗮́𝗯𝗲𝗹.
— Diario do Limia (@diariodolimia) February 3, 2022
👇👇👇https://t.co/bQtQfbgvPK
A disputa sobre a política da Xunta de Galicia ao respecto da xestión dos residuos na Limia estivo presente no Parlamento nos últimos días. O BNG entrou en debate cos representantes das consellerías de Medio Ambiente, a Directora xeral de Calidade Ambiental, e Medio Rural, o propio conselleiro, a conta da ameaza para os produtores dunha eventual declaración de vulnerabilidade.
A ameaza de declaración da Limia como zona vulnerábel xa non depende só de Madrid.
A cuestión preocupa a todos os niveis e a todos os actores, desde Adegal até os ecoloxistas, que hai unhas semanas viron confirmados parte dos seus argumentos nunha sentenza xudicial contra a ampliación dunha granxa en Rairiz.
“Eu vou facer forza, vou falar cun par de alcaldes, os concellos pequenos temos que facer algo, queremos seguir apoiando á comarca, pero nesta cuestión temos que desmarcarnos do que pase... se é que podemos”, conclúe José Manuel Castro.