viernes. 22.11.2024

O CDR O Viso e a Sociedade Galega de Historia Natural levan anos colaborando, como se encargou de lembrar Serafín González esta tarde. Hoxe organizaron unha xornada ornitolóxica. Pola mañá houbo saída ao campo; pola tarde, charla en Lodoselo. Se na Limia hai algo parecido a un centro de pensamento e reflexión sobre o que (nós) pasa, é este de Lodoselo. 

A tarde comezou coas aves e rematou nos eólicos. Por moito que gobernos de todas as cores procuren que a cuestión dos eólicos continúe agochada, sempre acaba saíndo. Entre o público estaba Rafael Laso, protagonista esta semana coa presentación do seu libro A rebelión da lagoa. Alguén dixo, despois de saudar ao autor, que coa lagoa pasou algo: que a xente ao principio estaba toda en contra e despois, a mesma xente, toda a favor. Cos eólicos a corrente maioritaria é o desinterese.

Antonio Ferreirós interveu o primeiro. Explicou como as aves non aprenden a emigrar senón que levan esa indicación nos xenes. Ferreirós ensinou mapas da Terra e contou como as migracións no planeta empezaron hai anos a se adiantar 1,3 días por década, efecto do quecemento global. "Algunhas xa non emigran", dixo, antes de diferenciar entre as especia pre-saharianas, as que non chegan a atravesar o gran deserto porque se alimentan de froita e na conca do Mediterráneo aínda abonda a froita no inverno, e as trans-saharianas, as que chegan até a sabana do Sahel na procura de insectos.

Ferreirós falou da "silenciosa desaparición" dalgúns insectos, como o vagalume, no lapso das nosas vidas, e botou de menos ás andoriñas.

Xa non veñen como antes, corroborou Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, látego contra outra indiferenza, ese pechar os ollos diante do problema dos xurros, produto dunha maneira de relacionarse co medio que tampouco está nos xenes da xente da Limia. Serafín González falou das andoriñas, doutras aves migratorias, das 16 hectáreas na Veiga de Gomareite que son un plan piloto. Falou tamén das cegoñas e acabáronlle preguntando polos eólicos.

Serafín González contou como nun traballo de campo a principios dos anos oitenta chegaran a contar máis de 5.000 andoriñas no Toural, reunidas antes de partir. "Imaxinade cantas habería por toda a chaira". Contou como as cegoñas se xuntaban a centos nas partes altas da Limia, "e parecían rabaños de ovellas". E como unha vez, en Vilar de Santos, viron un grupo que levantaba o voo cara o Macizo. Foron coller altura, máis dun quilómetro de altura, para deixarse caer cara a chaira. 

"Son aves planeadoras. Das que precisan correntes de aire quente para se elevar e despois ir avanzando, en caída", explicou Ferreirós. E por iso as cegoñas cruzan a África polo Estreito, porque no mar non se xeran correntes quentes e os 14 quilómetros de costa a costa ás veces son insalvábeis. 

O público preguntou pola razón de que agora as cegoñas xa queden todo o ano na Limia. González explicou que en realidade adoitan a marchar os meses de novembro e decembro. Mais moitas quedan na Península. Anos atrás, lembrou, houbo unha seca moi forte no Sahel e morreu xente e moitos animais. O quecemento global, sostivo, tamén inflúe. Despois da desecación da lagoa as cegoñas case desapareceron da Limia. "Había oito parellas. Empezamos a poñer niños, con aramio para disuadir á xente de estragalos. Agora xa non pasa. Agora a ninguén se lle pasa pola cabeza facerlle dano a unha cegoña"

A poboación medrou. "Agora debe haber as mesmas que antes da desecación da lago", dixo Serafín, quen tamén falou de plantas que xa case só quedan na Limia e precisan da auga para sobrevivir, de aves que xa non crían aquí, e subliñou que na Limia teñen rexistrado 264 especies de aves e que a metade delas son aves que migran. González deixou un pouso de esperanza sobre o futuro da Limia, das augas e dos usos agrícolas e gandeiros. A esperanza está en 16 hectáreas da Veiga de Gomareite (Vilar de Barrio), onde recuperaron o humidal e xa anotaron 28 especies de aves diferentes, e son quen de convivir cun gandeiro en extensivo, mais aínda seguen a retirar camións e camións de residuos. "Os humidais son hábitats agradecidos, e rexeneran rápido", di o presidente da SGHN.

Un momento da charla da SGHN, esta tarde en Lodoselo na sede do CDR O Viso
Un momento da charla da SGHN, esta tarde en Lodoselo na sede do CDR O Viso.

Despois apareceu a sombra dos eólicos. No mar, opina Serafín González, "son o crime perfecto, porque o cadáver rara vez aparece". "Sería unha barbaridade encher as costas de parques flotantes, porque estarían na ruta de millóns de aves. En terra? Pois onde fagan menos dano, pero igual había que pensar en consumir menos ou de maneira máis eficiente para non ter que producir máis". Polo momento, a invasión eólica non é tema de debate e reflexión en Lodoselo. Trinta quilómetros cara o oeste, unha liña de alta tensión que dará servizo a cinco ou seis polígonos eólicos entre o Larouco e o Laboreiro, impulsada por unha compañía enerxética que senta unha ex conselleira de Medio Ambiente no consello de administración, pretende invadir a IBA Lima (Important Bird Area). 
 

NOTICIAS A LIMIA | Estiman que a poboación de cegoñas volve ser a mesma que antes da...