sábado. 23.11.2024

Este é Iván. Ten 42 anos, unha filla de nove. Gandeiro nos Blancos. Carniceiro en Xinzo. "Acabamos o ciclo. Empezamos limpando o monte, criando os becerros, e agora tamén vendemos a carne e elaboramos derivados. En Francia isto está a orde do día". 

Iván inaugurou a carnicería A Vaquería na praza de abastos de Xinzo o pasado día 2. É o primeiro posto que se instala ao abeiro da nova ordenanza municipal. O GDR da Limia tamén lles botou unha man. A el, á muller e aos seus socios. A explotación de Iván está en Covelas (Os Blancos), a aldea da muller. Xuntáronse con outra familia de Baltar para formar unha cooperativa.

O seguinte paso será abrir un restaurante en Baltar. Será pronto. Iván sinala o local de regreso dunha visita aos seus socios. Ao pé do Larouco, Ricardo atende 85 vacas. Hai unha a piques de parir. Ricardo conta 58 anos e é pastor desde que tiña 9, a idade da filla de Iván. Ricardo ten dous fillos que son socios de Iván, un é o gandeiro, a outra vai abrir o restaurante.

"Cando eu era neno, toda a serra estaba chea de vacas, de cabras, de ovellas... Había dúas ou tres vacas en cada casa. Usábanse para traballar. A carne non se consumía aquí. E criaba porco quen tiña cartos. Non había moito para comer. Nin para beber. Lembro un dos vellos admirando un vaso de viño antes de bebelo, non era máis que un chupito... Era o que había, pero o monte e as aldeas estaban cheas de vida", conta Ricardo. 

Agora, non. O Larouco está cuberto pola néboa esta mañá. As vacas son un fato mestizo de caldelás, limiás e rubias. "Son razas duras, que aguantan o inverno e non perden as crías", explica Iván. Entre as dúas familias pastorean 170 cabezas, e teñen ademais unha granxa de porcos. 

Chegou un momento no que decidín volver, e aquí só tes dúas opcións: ou agricultor ou gandeiro. Un meu avó foi gandeiro. (Iván Gil)

"Traballamos á antiga", di Iván, "é o que me gusta, ninguén te apura... Botamos as vacas contra o mediodía e recollémolas ás cinco". En Covelas son a muller e o sogro quen botan hoxe o gando. Polas pistas da parcelaria vai unha fila delas. Repenican os badalos. "Esa última ten 23 anos. Morrerá de vella. Por respecto". Son vacas limiás. "Algunhas fómolas comprando polas aldeas. E algunha tiven que pedir case de xeonllos que ma vendesen".

Iván Gil. A Vaquería. Os Blancos (5)
Iván, con Ricardo, ao pé do Larouco, coas vacas dos socios.

Iván estivo anos fóra. Pasou unha parte en Asturias. Volveu cando foi da autovía. Había traballo. Despois estivo en Burgos, en Ponferrada... "Chegou un momento no que decidín volver, e aquí só tes dúas opcións: ou agricultor ou gandeiro. Un meu avó foi gandeiro. Recollín ese fío. Cando veu a covid topámonos con moitos problemas para sacar o produto. Así que pensamos que había que ter a nosa propia carnicería".

Durante a covid, conta, a muller, a filla e el pasaban os días nos prados, cando as vacas. Saían pola mañá e ían dun prado a outro cos diferentes rabaños. "Levabamos a comida feita e sentabámonos nunha manta aí adiante, detrás daqueles carballos, mirando a chaira da Limia"

Hoxe, así de rápido, veu outra crise. "Teño o tractor parado. Eu, e todos. Os plásticos subiron un 30%; o millo dobrou o prezo; o gasóleo triplicouno. Non imos sementar polo momento. Imos tirando co pastoreo". No inverno non falta alimento para o gando, mais no verán volverá escasear, como vén sucedendo nos últimos anos.

AVaquería. Os Blancos (3)
En Covelas, as limiás da explotación de Iván, ao mediodía camiño dos prados.

"Producir carne de porco rende máis. Só aquí en Covelas hai 20.000 porcos. Pero se o que che gusta é o extensivo... As vacas son como unha rozadora, no monte limpan carqueixas, uces. Son un seguro contra os incendios. En Covelas queda pouca xente traballando o campo. Na miña aldea, Nocedo, aínda hai quen traballa 30 hectáreas. Nós, na granxa de porcos en Baltar, os xurros que se xeran consumímolos perfectamente. Cada ano facemos un prado novo".  

Iván recorda o escépticos que eran os veciños máis vellos de Covelas cando dixo que ía traer unhas vacas e poñerse a producir. Nas aldeas non houbo relevo. Até hoxe. Iván apareceu coas vacas. "Non vexas como se lles iluminaron os ollos a algúns. Dicían: 'mira como se parece esta á que comprei no 78'. Agora cada vez que pare unha vaca xa me avisan eles. Están encantados".

Os gandeiros teñen que ir matar a Celanova ou a Ourense. "Eu vou a Celanova porque teñen menos traballo e sérvenche máis rápido. Pero é incríbel que nunha comarca como esta esteamos sen matadoiro".

O mercado de gando está lonxe. En toda a provincia non queda un, lamenta Iván. Por riba, os gandeiros desta parte da Limia teñen que ir matar a Celanova ou a Ourense. "Eu vou a Celanova porque teñen menos traballo e sérvenche máis rápido. Pero é incríbel que nunha comarca como esta esteamos sen matadoiro".

Iván Gil. A Vaquería. Os Blancos (4)
Iván Gil, no posto da carnicería na praza de abastos de Xinzo.

"Mire! Esa era a miña escola. Do meu tempo eramos máis de vinte rapaces", presume Iván de paso por Nocedo. Este é Iván, ten 42 anos e varias vidas ás costas. Carniceiro en Xinzo e gandeiro nos Blancos. Como en Francia.


 

NOTICIAS A LIMIA | En Galicia, como en Francia?