NOTICIAS A LIMIA | Marcha en defensa da Aguioncha e contra os proxectos eólicos este domingo
Na mesma semana que Greenalia volveu someter a exposición pública o proxecto P.E. Rodicio II, que inclúe 3 aeroxeradores de 180 metros de altura nun polígono de 580 hectáreas (o proxecto Rodicio I saíu en xuño); nos mesmos días que Statkraft (compañía estatal norueguesa) volve sacar a exposición pública os dous megaproxectos que tramita no MITECO: Prada e Rebordechao; neste verán de 2022 no que as empresas eólicas están a intensificar o que os colectivos veciñais e ecoloxistas definen como unha invasión, na Limia, á fronte aberta no suroeste (as ameazas sobre A Aguioncha e o Larouco) vólveselle a sumar á fronte do nordeste (o Macizo).
Rodicio I, nos concellos de Maceda e Montederramo, é, como o Rodicio II, un proxecto de Greenalia pero con máis máquinas (12) e máis altas (182 metros). Prada, da norueguesa Statkraft ('Poder do Estado') revisa o plan e presenta un novo con 24 aeroxeradores de 7.000 kW de potencia unitaria e máquinas máis altas que no proxecto inicial, 215 metros (tres veces a catedral de Santiago). Ademais, a liña de alta tensión (para evacuar a enerxía) tería máis de 30 quilómetros a través dos concellos da Veiga, O Barco de Valdeorras, Petín, Larouco, A Pobra de Trives, San Xoán de Río e Quiroga (xa en Lugo). Rebordechao, agora con 25 aeroxeradores, tres menos que no plan de hai dous anos, pero máis altos: 205 metros, afecta a 11 concellos, mais os muíños enclavaríanse en Laza, Vilar de Barrio e Maceda.
A ameaza sobre o Larouco fixo agromar a resistencia veciñal en Baltar. Rexistráronse máis de 300 alegacións contra a LAT do Larouco entre os veciños do concello.
Mañá domingo, ás 9:30 horas, partirá de Feás a I Marcha en Defensa de Aguioncha. Veciñanza e a plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova organizaron a mobilización. A principios de mes estiveron tamén nunha andaina polo Larouco (ameazado tamén por unha liña de alta tensión que promove Iberdrola e dous parques eólicos: Tramontana e Mistral, ademais do proxecto en tramitación en San Martiño, que tamén promove Iberdrola). A ameaza sobre o Larouco fixo agromar a resistencia veciñal en Baltar. Rexistráronse máis de 300 alegacións contra a LAT do Larouco entre os veciños do concello.
A seguinte ameaza, o proxecto de Greenalia para instalar 7 aeroxeradores de 200 metros entre A Aguioncha e Pena Loba, con afeccións tamén a Baltar, Os Blancos e Calvos de Randín elevou a protesta até as 1.500 alegacións, rexistradas nos tres concellos e tamén en Xinzo, Allariz, Celanova, Bande e Ourense, entre outros.
A LAT de Greenalia que apareceu a continuación (a liña de evacuación deste parque e doutros dous en Bande e Verea, que atravesa 42 quilómetros en oito concellos) espertou á veciñanza de Porqueira, alentada pola alcaldesa, Susana Vázquez, a única rexedora que se opuxo publicamente á infraestrutura. Contra este proxecto de Greenalia rexistráronse máis de 700 alegacións nos concellos afectados, malia os obstáculos á participación pública denunciados pola plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova nos concellos de Bande e Verea.
O proxecto de Greenalia para instalar 7 aeroxeradores de 200 metros entre A Aguioncha e Pena Loba, con afeccións a Baltar, Os Blancos e Calvos de Randín elevou a protesta até as 1.500 alegacións.
Este é o contexto da mobilización de mañá en Feás (Calvos de Randín), onde veciñas e veciños recibiron este mes de xullo a visita dun intermediario, que non se identificou (aínda que viaxaba nun coche con rótulo da consultora Sertogal, con sede en Ourense) e que lles pediu os números de teléfono para futuras negociacións (non dixo de quen) sobre as fincas afectadas polas pistas en proxecto do polígono en proxecto.
Mañá, o percorrido previsto (5,6 quilómetros, un par de horas de camiñada) levará ás veciñas e veciños até o pé dos penedos da Aguioncha, que Greenalia pretende rodear con máquinas de 200 metros, ás máis altas proxectadas nas ducias de plans empresariais para as montañas ourensás até que estes días apareceron reformulados os plans de Statkraft para o Macizo.
Mentres, a presión eólica aumenta, e na Limia seguen debuxadas zonas de aproveitamento que afectan a todos os concellos, agás Vilar de Santos e Sandiás.