NOTICIAS A LIMIA | A comunidade de montes de Feás volve dicir non aos eólicos
A comunidade de montes de Feás (Calvos de Randín) volveu mostrar este xoves a oposición maioritaria dos comuneiros ao proxecto de polígono eólico de Lamas de Feás, que Greenalia presentou a exposición pública e cuxo prazo para rexistrar alegacións remata o próximo 2 de xuño.
Diante da intención da empresa da que fai parte a ex-conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, de instalar un parque eólico nas serras entre os concellos de Baltar, Os Blancos e Calvos de Randín, con aeroxeradores de 200 metros de altura e dúas aldeas (Pintás e O Silveiro) dentro da perimetral do polígono, os comuneiros rexeitaron de novo o proxecto.
Xa o fixeran a finais de abril. Mais onte volvéronse reunir en asemblea. Dos 28 comuneiros, asistiron 16, polo que se daba o cuórum necesario. A decisión de rexeitar calquera oferta de Greenalia sobre os terreos comunais foi aprobada con 9 votos a favor, 6 en contra e 1 abstención. Feás é a aldea máis poboada da área afectada polos plans de Greenalia, que ademais de Lamas de Feás pretende instalar máis aeroxeradores ao sur da aldea, nunha fragmentación de proxectos que os colectivos anti-eólicas denuncian como fraude de lei.
A decisión de rexeitar calquera oferta de Greenalia sobre os terreos comunais foi aprobada con 9 votos a favor, 6 en contra e 1 abstención. Feás é a aldea máis poboada da área afectada polos plans de Greenalia.
Este mesmo venres, a plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova anunciou a celebración o próximo domingo, 15 de maio (12:00 horas), en Feás dunha charla informativa sobre os previsíbeis impactos da instalación do parque á que están convidados membros do Sindicato Labrego Galego e da Asociación Ecoloxista Petón do Lobo. Nunha publicación nas redes, a plataforma sinala dez puntos de efectos severos sobre a saúde, as augas, o valor das terras e inmóbeis, a paisaxe e o patrimonio natural, entre outras cuestións.
Stop Eólicos Xurés Celanova está informando desde o pasado verán á veciñanza da Baixa Limia e Terra de Celanova dos impactos de diferentes proxectos eólicos que fan parte, sosteñen, dun mesmo plan para converter as montañas desde o Larouco e o Xurés até o Laboreiro galego nunha gran instalación eólica que ocupará unhas 145.000 hectáreas e trazará unha liña de alta tensión de máis de 50 quilómetros até a subestación do encoro da Frieira no Miño.
O trazado desta liña desvelouno hai unha semana a alcaldesa de Porqueira, Susana Vázquez, cando informou ás veciñas de Paradela de Abeleda e Reboreda, dun deseño que pasa pola zona de concentración parcelaria entre ambas localidades. Vázquez (PP) dixo que o seu goberno presentará alegacións a esa parte do proxecto, a liña que uniría o P.E. Lamas de Feás co P.E. Fonte Santa en Bande.
Informan fontes da plataforma que o proxecto deste último polígono, tamén de Greenalia, está próximo a saír a exposición pública, e denuncian que tanto a alcaldesa de Bande (PP) como o de Verea (BNG) están favorecendo os plans da promotora.
En Calvos, onde o PP levou ao último pleno unha proposta de moratoria eólica a iniciativa do SLG, o goberno de Aquilino Valencia (PSOE) asegurou que só se oporá ao parque se así o piden os comuneiros. Polo momento, unha das tres comunidades afectadas xa se pronunciou (dúas veces). A presión recae agora sobre as de Lobás e Serois. Mentres en Pintás, a veciñanza afectada pola perimetral do polígono empezou a reclamar información sobre as consecuencias que tería para eles e as súas propiedades ficar dentro dun polígono industrial.