NOTICIAS A LIMIA | A sociedade civil desorganizada reúnese no Campus
Ecoloxistas en Acción organizou onte en Ourense unha mesa redonda sobre a problemática da contaminación das augas na comarca da Limia. Foi no Campus, nunha aula universitaria.
O título da mesa redonda (Gandaría e sostibilidade) non aludía expresamente á cuestión de fondo. Pero do que se falou foi de granxas, estercos, nitratos e políticos.
Despois de escoitar aos poñentes -Xoán Carlos Rodríguez, biólogo, veciño de Muíños, con ampla traxectoria na investigación do estado das augas do encoro das Conchas (a única masa de auga da Baixa Limia que o MITECO ten intención de incluír no mapa de augas afectadas, como adiantou o presidente da CHMS a este diario); Samuel Formoso, gandeiro (en extensivo), representante do Sindicato Labrego Galego e tenente de alcalde no goberno municipal de Vilar de Barrio (que intenta zafar esa declaración de zona vulnerábel por contaminación); e Isabel Fernández, membro de Ecoloxistas en Acción que veu falar da industria da soia-, quedou no auditorio a mesma impresión que hai dous anos nunha reunión similar no mesmo escenario: o Campus de Ourense.
A sociedade civil ourensá está desorganizada na defensa dos valores medioambientais do territorio. Está informada, pero séntese impotente.
Ecoloxistas en Acción tomou o relevo de Auga Limpa para volver levantar a bandeira da denuncia da contaminación na Limia. Había camisetas de Auga Limpa na aula, mesmo Rodríguez falou en nome do movemento veciñal limiá, e o SLG estaba aí, aínda que xa non estaba (como hai dous anos, Lidia Senra).
Mais custou levar o foco do debate ao foco do problema. Para empezar porque o documental de apertura (A cara B da Limia) aborda a cuestión desde o estado do encoro das Conchas. As Conchas é a evidencia, o gran síntoma, mais non a enfermidade.
Se desde a Administración non hai unha aposta polo cambio de modelo, é imposíbel” (Samuel Formoso)
Samuel Formoso tratou de ir ao grao. “Os modelos de produción son políticas e a política está detrás de cada modelo”, arrancou. “Nós, os gandeiros en extensivo estamos en medio, en medio dos pataqueiros e dos granxeiros, e moitas veces o glifosato é máis problema que os nitratos”, dixo.
“Quen contamina?”, preguntouse. “Son as grandes empresas que concentraron a produción na Limia para aforrar custes, supoño. E os granxeiros son un elo na cadea. As subvencións están todas enfocadas ao modelo intensivo, e iso é política. Pero ollo, non toda a gandaría extensiva é sustentábel. No Macizo hai explotacións de 1.000 vacas, que tamén limitan novas incorporacións ao campo, entre outras cousas porque foron acaparando terras a base, tamén, de boas axudas”.
“Se desde a Administración non hai unha aposta polo cambio de modelo, é imposíbel”, concluíu Formoso, quen reclamou modificacións nos criterios de axudas e, sobre todo, a consideración da agricultura e da gandaría como “un ben social” que contribúen decisivamente a manter a biodiversidade e a vida nas aldeas.
Segue habendo contaminación por nitratos e é altísima” (Xoán Carlos Rodríguez)
Xoán Carlos Rodríguez contou como empezou a estudar as cianobacterias presentes no encoro das Conchas no 2011. Como obtivo axuda do profesor de Farmacia da Complutense Eduardo Costas (o mesmo que hai dous anos, no mesmo escenario, anunciou un estudo amplo sobre a cuestión do que aínda non se coñecen os resultados). Como pensou que unha das sondas que introducían nas augas estaba mal calibrada porque ofrecía unhas medicións de nitratos disparatadas (1.000 partes por millón). E non o eran.
Sinalou Xoán Carlos Rodríguez, o informe do CSIC, de Antonio Delgado, como un fito na investigación. “Constatou que As Conchas era a masa de auga máis contaminada por nitratos de todo o Estado”.
E criticou as solucións (“parches”) adoptadas até o momento: “É como intentar baleirar o encoro cun vaso”. E advertiu sobre a proposta de instalación dunha planta xeradora de gas, xa que tamén produce os seus residuos. Despois das solucións-vaso, como o Regenera Limia, sostén que “segue habendo contaminación por nitratos e é altísima”.
Sempre se fala de situacións excepcionais para relaxar medidas medioambientais, mais o medioambiente nunca se considera en situación excepcional” (Isabel Fernández)
Isabel Fernández explicou o sistema internacional de produción, transformación e consumo de soia para alimentación animal. Advertiu que boa parte do alimento que consumen as explotacións gandeiras no estado se cultiva a miles de quilómetros, se transporta por mar e se transforma en plantas localizadas nas comarcas granxeiras. Despois, a carne procesada volve emprender outra viaxe de miles que quilómetros até os destinos de consumo.
“No Estado”, informou, “consúmese menos dun terzo de todas as carnes que se producen”. E a continuación fixo referencia ao contexto actual de crise enerxética. Dixo Fernández que os gobernos están a aproveitar a guerra en Ucraína para relaxar os controis medioambientais a determinadas industrias.
“Sempre se fala de situacións excepcionais para relaxar medidas medioambientais, mais o medioambiente nunca se considera en situación excepcional”, constatou a representante de Ecoloxistas en Acción.
DEBATE
Despois interveu o público. Falou Manuel García (MEL) dunha recente experiencia de denuncia dun vertido de xurros que pon en cuestión a responsabilidade da Administración na aplicación da lei. Falou máis xente para criticar o silencio que ao redor desta problemática manteñen os medios de comunicación masivos. Falouse tamén da acción de partidos e políticos concretos, máis alá do termo impreciso de Administración no que parecen diluírse as responsabilidades duns e doutros.
Interpelado Samuel Formoso como membro do goberno municipal de Vilar de Barrio (BNG), este recoñeceu que ten “dificultades” no goberno, porque Vilar de Barrio é un concello pequeno, sen músculo financeiro, que padece varias carencias e que necesita cartos. E os eólicos ou as placas solares, ás veces son unha tentación.
Montse Valencia, unha das organizadoras do acto, esforzouse en pedir propostas para enfrontar o problema desde a sociedade civil. “Por isto non han saír 5.000 persoas á rúa a protestar”, dixo alguén. E a xente asentiu.
A diagnose é a mesma que hai dous anos. O problema e as causas (e as previsíbeis consecuencias) están identificados. A estratexia de resposta civil, non. A resposta chegará como sempre desde a Administración (partidos e políticos concretos, si).
A MESA REDONDA EN DIRECTO:
(1 HORA)