NOTICIAS A LIMIA | Tres meses despois o campo está peor e levará a protesta a Ourense
“O luns imos repetir o envío das nosas demandas a todas as institucións e darémoslles un prazo de 8 días para que nos chamen. Estaremos esperando a súa chamada para poñer solucións enriba da mesa. Se non recibimos esa chamada, advertimos que os tractores irán a Ourense, a Santiago, a Madrid... e se fai falta a Bruxelas”. Iso dixo Amador Díaz, presidente dos pataqueiros da Limia, subido no remolque dun camión o venres 25 de marzo despois de que máis de 300 tractores desfilaran por Xinzo da Limia en protesta polo abandono do sector primario por parte das institución en medio da crise de prezos.
Iso dixo o líder de agricultores e gandeiros acompañado na improvisada tribuna pola líder do Sindicato Labrego Galego, a presidenta de ADEGAL, os líderes comarcais de Unións Agrarias e da FRUGA e o presidente dos regantes de Corno do Monte. Foron seis discursos cargados de razón e esperanza, o remate dunha xornada histórica.
Todo aquel capital social diluíse nas semanas seguintes. A crise do sector, non; a crise continuou estragando o presente e o futuro dos produtores. O asunto desapareceu das axendas o venres santo, 15 de abril, xusto tres semanas despois, cando o conselleiro de Medio Rural reuniu ás comunidades de regantes afectadas polo novo plan de regadío para dicirlles que si, que agora o plan ten mapas, informes e orzamentos. Esa mañá, na Casa da Cultura de Xinzo, xunto ao conselleiro, estaban Amador Díaz, como presidente dos regantes da Alta Limia, e Amador Saborido, dos de Corno do Monte.
O regadío non será unha realidade antes de 2026, e non resolve os problemas que ameazan con afogar ao sector enteiro. Pero foi un bálsamo. Dous meses e medio despois daquel venres santo, con outra seca enriba e a suba do prezo dos carburantes papando calquera medida bonificadora desde o Estado, as cousas no campo están igual, ou un pouco peor, que o 25 de marzo, cando a ameaza era levar os tractores a Ourense, a Santiago, a Madrid, a Bruxelas.
Din no sector que hai explotación que consumen 1.000 euros en gasóleo cada día que moven o tractor para regar e outros labores. Contan que o sacrificio de vacas no matadoiro do Pino en Ourense se multiplicou por catro no que vai de ano porque os produtores téñense que ir desfacendo dos animais que non poden manter. E, como cada vez haberá menos animais nas explotación, chegará un momento de escaseza nos mercados, alertan as produtoras.
O asunto, a crise, é grave. E o sector volverá saltar á palestra mediática cunha manifestación mañá ao mediodía diante da Subdelegación do Goberno, en Ourense.
Din no sector que hai explotación que consumen 1.000 euros en gasóleo cada día que moven o tractor para regar e outros labores. Contan que o sacrificio de vacas no matadoiro do Pino en Ourense se multiplicou por catro no que vai de ano.
“A única resposta que recibimos desde o 25 de marzo foi unha reunión co Subdelegado do Goberno, que dixo que remitiría as queixas ao Goberno central, e unha reunión en Ourense co conselleiro de Medio Rural, a quen lle insistimos moito na necesidade de que se cumpra a Lei da Cadea Alimentaria e comprometeuse a crear un Observatorio de Prezos”, di María Teresa Joga, presidenta de ADEGAL.
“Pasou o tempo. As reivindicacións son as mesmas que as que deron lugar a aquela protesta de marzo. Non houbo solucións. É certo que no combustíbel entrou en vigor a rebaixa dos 20 céntimos, pero a suba dos prezos foi maior e esa medida non foi efectiva”, resume Joga.
“Subiron os custes de produción. Subiu o gasóleo, os fertilizantes, os plásticos, as sementes, os pensos... e non somos capaces de repercutir ese incremento no prezo do produto. Houbo varias reunións, é certo: con Subdelegado, coa Xunta... É certo que hai a intención de que se cumpra a Lei da Cadea Alimentaria, ninguén pode estar vendendo por debaixo dos custes. Todo o sector está afectado: a carne, a pataca, o viño. Estamos nunha época moi dura”, advirte Xosé Ramón González, responsábel de Unións Agrarias, outro, como Joga, dos que falaron aquela mañá de tractorada no Toural, en Xinzo, alertando do que se vén enriba.
“Todas as medidas que se propoñen desde a Xunta estarían ben nunha época normal. Pero esta non o é”, di Sonia Vidal, do Sindicato Labrego Galego. “Hai explotacións de vacún que están pechando. Por riba, o tempo non axuda e hai herba que non medrou pero xa está madura, e hai que retirala, rozar e limpar as fincas. E hai que ter en conta que o prezo do combustíbel disparouse”.
“Isto xa se vía vir. Non se puxeron solucións desde marzo e era previsíbel que a situación empeorase”, insiste Vidal, antes de anotar eses datos alarmantes sobre o sacrificio de animais que as explotacións xa non son quen de manter vivos porque os custes disparáronse. “As solucións que se propoñen, como esas campañas publicitarias que di o conselleiro, son a longo prazo, mais non temos tanto tempo”.