NOTICIAS A LIMIA | Veciñanza de Montalegre únese á loita contra os eólicos na Limia
Veciñas e veciños de Sendim, aldea arraiana do lado portugués situada a menos de cincocentos metros da fronteira, comezaron esta semana a recoller sinaturas na localidade e nas aldeas próximas para pedir á Câmara de Montalegre (o concello ao que pertencen) que informe á poboación dos proxectos eólicos que se están a tramitar nos montes da Boullosa e no Val do Limia e que afectan tamén á parte portuguesa.
As veciñas están a difundir un escrito no que protestan contra os plans eólicos de instalación dos parques de San Martiño, Tramontana e Mistral. Entre os tres, 19 aeroxeradores de máis de 150 metros de altura e unhas enormes áreas poligonais que causarán impactos sobre as augas, a paisaxe e a saúde dos habitantes das aldeas máis próximas.
Segundo advirten, o proxecto de Iberdrola para San Martiño, catro aeroxeradores e unha subestación moi preto de Sendim, tería afeccións graves aos nacentes dos regatos de onde toman a auga para consumo humano, e impactos directos na saúde como consecuencia dos sons e dos infrasóns. Tamén, indican, sobre o Castelo, restos dunha antiga fortaleza medieval enclavada sobre o que hoxe é a mesma raia e que conta con protección patrimonial galega, mais está en parte do lado portugués.
As veciñas están a difundir un escrito no que protestan contra os plans eólicos de instalación dos parques de San Martiño, Tramontana e Mistral.
Nin a Cámara de Montalegre nin ningunha outra Administración portuguesa se ten pronunciado nin informado aos cidadáns das consecuencias que traerían estas centrais eólicas de levarse a cabo. En Sendim, as veciñas empezaron a buscar información pola súa conta e deron coa plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova, que na súa web ofrece un apartado específico sobre o proxecto de San Martiño, contra o que rexistrou 43 alegacións a principios de decembro en Baltar.
Con esa información, a finais de setembro pasado, reclamaron á Câmara Municipal de Montalegre que actuara. O alcalde solicitou unha reunión co alcalde de Baltar. E nesa xuntanza, que se produciu o 21 de setembro, estiveron presentes representantes das comunidades de monte da parte lusa. A reunión non chegou á opinión pública galega, pero si á portuguesa, dado que o concello de Montalegre deu noticia na súa web.
Coñecen as xestións de Stop Eólicos Xurés Celanova. diante do Defensor del Pueblo español, e non descartan emprender unha acción semellante diante da Provedora de Justiça de Portugal, Maria Lúcia Amaral.
Mais aquela foi a única ocasión na que as autoridades portuguesas fixeron un intento de intervir. Nos seguintes dous meses non houbo máis. Até que os propios comuneiros, a principios de ano, volveron interpelar a Orlando Alves (PS) reelixido presidente da Câmara nas autárquicas de Portugal apenas uns días despois daquela reunión co goberno municipal de Baltar.
As veciñas mobilizadas contra os eólicos en Sendim son conscientes da polémica que se vive estes días en Ourense a conta das afeccións da LAT do Larouco sobre a práctica do parapente e as poboacións máis próximas ao tendido, e aproveitaron para volver contactar coa plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova. Coñecen as xestións que esta plataforma fixo diante do Defensor del Pueblo español, e non descartan emprender unha acción semellante diante da Provedora de Justiça de Portugal, Maria Lúcia Amaral.