NOTICIAS A LIMIA | Alternativas para abrir os ollos diante do problema da auga
A xornada de concienciación ambiental sobre a problemática da auga na Limia reuniu dúas ducias de persoas nun roteiro matinal para coñecer dúas parcelas recuperadas pola Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) en Gomareite e Vilaseca e realizar unha rápida visita ás instalacións, en desuso, do centro de tratamento de residuos que operou Coren durante uns anos xunto ao complexo de granxas Pedra Alta.
Organizada pola SGHN en colaboración co CDR O Viso e a Asociación Vía Vella de Ponte Canedo, a xornada rematou pola tarde en Lodoselo cunha conferencia de Serafín González, científico limiao e presidente da SGHN, na que contou como se desenvolveu a loita social de denuncia sobre a orixe da contaminación das augas da Limia.
Despois de tres lustros, o gran éxito do movemento ecoloxista foi que as Administracións e outros actores privados asumiran que a orixe do problema está na enorme carga gandeira que soporta a comarca e a incapacidade para xestionar o volume de residuos que xera a gandaría industrial. Tamén se referiu González ao investimento público na comarca a partir da desecación da Lagoa de Antela (“uns 120 millóns de euros de hoxe”) e como o modelo de desenvolvemento polo que se apostou desde os anos sesenta e que se impuxo con máis gasto nas décadas seguintes (da parcelaria dos oitenta ao plan de regadío 2003) non só non fixou poboación senón que A Limia continúa nun devalo demográfico desde hai máis de medio século.
A primeira visita do día foi a planta de tratamento de residuos animais que funcionou a principios deste século. Unha solución fracasada (que rematou co peche da estación unha vez que o Estado retirou as primas a esas actividades) na que se intentou reincidir hai apenas uns anos, cunha ampliación da planta que as denuncias ecoloxistas frearon, amparadas na legalidade sobre as distancias ás granxas próximas e á canle da Lagoa.
Despois, a SGHN mostrou dous exemplos de recuperación de hábitats: na Veiga de Gomareite, unha parcela dunhas 7 hectáreas nunha acción de custodia do territorio para o que contan coa colaboración dun gandeiro local. A zona convertérase nun vertedoiro. Con axuda de fondos europeos, conseguiron retirar ou re-utilizar os residuos. E o humidal volveu ter vida. Un dos obxectivos era conservar o cardiño da Lagoa, unha planta da que A Limia concentra máis do 90% da poboación mundial. Para a conservación do cardiño eran indispensábeis dúas cousas: que volvesen as augas anegar a veiga e que os animais, as vacas, mantiveran limpo o terreo.
Na outra parcela, en Vilaseca (Trasmiras), cunha extensión de 1,2 hectáreas, o obxectivo era recuperar un humidal para que volvese criar a choromica (Vanellus vanellus). No 2021 detectaron xa unhas quince parellas. A estratexia da SGHN é ir alugando parcelas en desuso, restos da concentración que quedaron en mans da Administración e que reúnan certos valores ambientais. A supervivencia na Limia do cardiño da Lagoa, da choromica ou do Lepidurus apus, un crustáceo de augas doces e temporais son logros que compensan todo o traballo voluntario. En Gomareite, por exemplo, na primavera do 2020 chegaron a avistar 30 especies diferentes de aves.
O problema da auga, a escaseza, agravada polas secas periódicas e pola insistencia nun modelo de produción agrícola e gandeira extensivo, é un problema tamén, advirten desde a SGHN, de saúde humana (non só na Limia, tamén augas abaixo, até o mesmo Portugal). O problema da auga, dixo Serafín González, é un problema na que as Administración se poñen de perfil e diante do que a Confederación Hidrográfica Miño Sil “pecha os ollos”. Por exemplo, subliñou, “cando se incumpren os caudais ecolóxicos”.