NOTICIAS A LIMIA | Tres alcaldes contra a falta de auga
En Vilar de Barrio, o alcalde, o nacionalista Manuel Conde, pensou que sería boa idea utilizar drons para realizar fotografías de piscinas e xardíns. “O traballo está feito, agora estamos no momento de analizar os datos que nos ofrece”, explica ao Diario do Limia. A idea xerou certa polémica que o propio rexedor valora: “Non estamos entrando na intimidade de ninguén. Somos conscientes de que hai un mal uso da auga nestes momentos de escaseza por parte dunha minoría de veciños e temos que ser capaces de controlalo”.
“As causas da escaseza de auga en Vilar de Barrio son catro”, reflexiona Manuel Conde. “En primeiro lugar está o cambio climático que trouxo este ano de seca, esta é unha causa común a todos os concellos. En segundo lugar está un déficit de infraestruturas importante que estamos intentando solucionar con axudas da Xunta, mais levamos dez meses esperando a ter os cartos para realizar unha conexión de depósitos que agora mesmo nos tería aforrado moitos dos problemas”.
Conde asegura que se esa conexión estivese feita o núcleo de Padreda, ao norte do concello, tería auga. Padreda foi unha das aldeas onde houbo restricións no subministro este mes. Tamén as sufriron San Miguel, Bóveda e Gomareite, situados no límite da chaira da Limia. “Padreda leva sen auga dous días, tivemos que lle levar auga en cisterna hai catro días”, sinalaba onte Manuel Conde.
O alcalde relata as outras dúas causas da escaseza: o incremento da poboación no verán (“pasamos duns 1.200 habitantes a uns 4.000”) e o mal uso por parte dalgúns veciños. “Non son moitos, bastan con que sexan uns poucos. Encher a piscina municipal levounos cinco días cunha mangueira de 15 milímetros. Se hai cinco persoas que deixan aberta unha mangueira toda a noite, non hai depósito que aguante”.
Conde advirte que, das catro causas da escaseza, desde o goberno local poden “incidir” na mellora das infraestruturas e na vixilancia para un bo uso da auga. Alén dos traballos habituais na reparación das infraestruturas, en Vilar de Santos apostaron “por unha medida imaxinativa”. “Se vemos que hai un xardín que está co céspede totalmente verde, a obriga do Concello é ver se se está a regar cun pozo privado ou con auga pública. Para iso se usarán as fotos do dron. Non estamos facendo isto con ningún afán de recadar. Nestes momentos interésanos a auga”.
Vilar de Barrio está salvando a escaseza compartindo a auga entre distintos depósitos. Mais en Padreda non alcanza e onte tiñan previsto levar outra cisterna. “Non hai restricións, pero hai determinadas horas do día no que a presión da auga non é suficiente. Son cuestións puntuais, normalmente resólvese en poucas horas”, resume Conde.
TRASMIRAS: MÁIS CONTADORES
Se Vilar de Barrio introduciu a solución do dron, en Trasmiras, o goberno do popular Emilio Pazos ten prevista a opción de instalar máis contadores. “Temos unha partida de 6.000 euros para colocar contadores de rúa onde o vexamos necesario. Hai un contador de cabeceira na saída do depósito, e tamén temos un contador á entrada de cada un dos núcleos. Pero seguimos detectando lecturas contraditorias e o mesmo temos que incrementar o control a nivel de rúas alí onde as lecturas non coincidan”, di o alcalde.
Emilio Pazos está estes días supervisando persoalmente os traballos de reparación na rede. O domingo avariouse unha sonda no depósito. Onte quedou reparada e a previsión era de non cortar a auga pola noite, circunstancia que afectaba a case todos os núcleos do concello (a maioría dependen da traída) entre as dez da noite e as oito da mañá.
Trasmiras traballa para aumentar a capacidade de bombeo ao tempo que intenta reducir fugas por avarías na rede e “outras fugas”, sinala o alcalde, que decidiu publicar nas redes do Concello os rexistros do contador do depósito principal para demostrar que o consumo medrou nestas semanas até o punto de que o pasado día 10 estimaba un gasto por habitante de 260 litros ao día.
PORQUEIRA: MÁIS POZOS
En Porqueira, Susana Vázquez (PP) segue loitando contra unha situación “que non vivín en 19 anos como alcaldesa”. Mais o 2022 comezou dando sinais de alerta. En febreiro e, despois, en xuño, advertiu do problema que xa tiñan enriba. “Este ano adiantouse todo. Estabamos alerta e por iso puidemos reaccionar perforando pozos a carón dos depósitos de Sabucedo e de San Mamede”. Iso foi nas primeiras semanas de xullo. Pero nesas actuación esgotaron a capacidade financeira para intervir con novos pozos.
“Desde finais de xullo estamos coas cisternas. Uns días van para uns núcleos; outros, para outros. Imos apañando así”, di Susana Vázquez. As cisternas empezaron a compensar a escaseza en Faramiñás, Faramontaos e San Lourenzo a finais do mes pasado. A día de hoxe son precisas en máis puntos do concello. A alcaldesa lembra que a pasada semana a empresa que abastece Porqueira tivo que facer transporte tres días, “e cada viaxe descargou 7.000 litros nun depósito distinto”.
As expectativas non son boas, recoñece Vázquez. “Veremos como axuda a chuvia destes días, pero en Porqueira os problemas de seca habitualmente aparecían a finais do verán e en outubro. Marchará xente e baixará a demanda, pero se non chove, seguirá habendo problemas. A seca está aí. E non podemos parar de traballar esperando a que chova. Levamos todo o verán niso. Esta mesma semana reparouse a rede en Faramiñás, a semana anterior estivemos traballando en Faramontaos nunha captación. É o que nos queda”, conclúe a alcaldesa.