Ten 29 anos, xoga de mediocentro e procede do Verín

⚽ AVANCE | Primeira fichaxe do Antela: Noel García

Noel García, novo xogador do Antela F.C.

FÚTBOL PREFERENTE

Chámase Noel García, naceu en Ourense no ano 1992, ten 29 anos e procede do Verín co que disputou a última tempada en Preferente. "É un xogador que tiñamos en mente. E, tamén, unha petición de Óscar Sabucedo", di Pablo Losada, presidente do Antela F. C., despois de facer a foto de rigor esta tarde co xogador vestindo a camiseta do seu novo club.

Noel García defínese como un mediocentro con "boa saída de balón" e con habilidades no ataque "para dar o último pase". Coñece o nivel de esixencia de Sabucedo, co que coincidiu dúas tempadas no Velle. E afirma que se sente igual de cómodo xogando como único pivote que facendo parte do dobre pivote. Non ten referencias de Xabi Lamas, que destacou esta pasada Liga nesa posición no Antela. Pero ten referencias dun "vestiario unido" a través de futbolistas como Quintairos, Tazos, Breixo ou Pedro, cos que coincidiu en diferentes equipos.

Formado na canteira do Pabellón de Ourense durante dez anos, xogou en Portugal no Montalegre (terceira división lusa), antes de pasar polo Barbadás, Monterrei, A Valenzá, Velle (tres tempadas) e finalmente o Verín, co que disputou 32 partidos (24 como titular) e máis de 2.000 minutos a pasada Liga en Preferente.

"Pola miña experiencia, o máis importante é ter un equipo unido, por riba de calquera individualidade iso é o que trae o éxito. E parece que o Antela ten iso. E foi unha das cousas que me animou a firmar", comenta Noel, que ficha por unha tempada "e pensando en que veñan máis". O anuncio da primeira fichaxe do Antela no camiño en Preferente coincide coa despedida do club de Samuel e de Pancho. Polo momento, o centro do campo do equipo é o que está a sufrir máis cambios: saen Pablo Forri e Pancho e chega Noel, mentres o club espera por unha decisión de Xabi Lamas.

Por outra banda, despois da reunión de onte co goberno local, o Antela ten prevista esta semana outra xuntanza, neste caso coas Escolas Deportivas. O club que preside Pablo Losada recibiu a petición dun grupo de 16 xogadores para que forme un equipo B que comece a competir en Segunda como filial do primeiro equipo. O Antela está valorando seriamente esa posibilidade e así o puxo sobre a mesa na reunión con Elvira Lama, Rafael Penabad (Deportes) e Ramón Gómez (Urbanismo).