FÚTBOL A LIMIA | A ética do traballo
O Antela mirou para Pablo e Juan González Feijoo, os Forri, nunha festa da Saínza. Eran uns cativos xogando cunha pelota. Toncho e Carlos, ex futbolistas, falaron co pai para animalo a que os levase algunha tarde á Moreira. Diso hai 17 anos. “Chegamos un pouco tarde ao fútbol para o que é habitual, si. Eu tiña 11 anos e o meu irmán, nove”, lembra Pablo, o maior. “O pai díxonos que non nos fixeramos moitas ilusións, que igual non íamos xogar moito”. Pablo comezou nos infantís e Juan nos alevíns.
“Foi un momento importante, porque eu pasaba ese ano ao Instituto. Os amigos de hoxe son os que empecei a facer daquela”, lembra Pablo sentado nun dos bancos do campo da Moreira. É luns, a tempada rematou o mércores pasado co partido diante do Barbadás. O venres, durante unha cea cos compañeiros e a directiva, os Forri anunciaron que deixan o Antela. Vanse como chegaron, da man. Pero cunha morea de amigos e aprendizaxes. Son dous tipos aínda novos pero curtidos. Dous homes de fútbol feitos na forxa do Antela.
“Que nos ensinou o Antela? Pois o Antela, e o fútbol, o que nos ensinaron é a contar cos compañeiros e a dar sempre o cento por cento. Todo o que conseguimos foi xuntos e en base a moito esforzo”, di Pablo, que empezou sendo capitán nos cadetes e deixará o club sendo capitán. “A min o que me ensinou foi, sobre todo, compromiso. Igual noutros ámbitos non o tiña, pero si co fútbol, co Antela. Compromiso e respecto. Téñolle respecto a todos os que pasaron pola Moreira e penso que todos nos teñen respecto a nós”, di Juan, tamén capitán.
Os Forri viviron dous ascensos a Preferente. O teito do club. Tamén a tempada do descenso no 2019. Que non foi a máis difícil. “A máis difícil foi a anterior a aquela do ascenso. O Antela estivo a piques de desaparecer”, lembra Pablo. “Empezamos a tempada para intentar salvar a cousa. Vinte rapaces de vinte e poucos anos. Estivemos sempre moi unidos. Rematados ben, en metade da táboa. Eses malos momentos, a unión, foi o que ao ano seguinte nos deu a forza para ascender”.
Os Forri avéñense a falar un do outro. “Pablo é o compañeiro que queres ter. Son seis, está en todas partes...”, di Juan. E o maior di do pequeno: “É zurdo pero pode xogar en calquera posición, entende ben o fútbol e fai o que ten que facer en cada posición, está sempre no sitio”.
Juan é adestrador dos xuvenís, durante as últimas tempadas pasou os sete días de semana no campo, conta. Por iso ten as chaves. Este luns está pensando xa na nova fornada de xuvenís. Traballa na empresa familiar, na construción, e estase formando como preparador.
“O máis difícil de lles transmitir aos rapaces é o compromiso. A nós non se nos pasaba pola cabeza saír até as tantas o día antes de calquera partido. Agora é máis difícil. O compromiso está na base de todo. Como capitáns do primeiro equipo non somos moito de berrar, tampouco Joni [o outro capitán]. O que facemos é dar exemplo. Estar sempre nos adestramentos e nos partidos, mesmo cando estamos lesionados. Ser os que máis se esforzan, os que máis traballan”.
Pablo é enxeñeiro, traballa nunha empresa, agora terá máis tempo para facer outras cousas ademais do traballo e do fútbol, di. “Non me vexo como adestrador, e os nocellos xa non están para seguir xogando. Se non podo dar o máximo é mellor deixalo. Custará ao principio, virei á Moreira e xa lle dixen á directiva que conten comigo para o que precisen. Pero adestrador non, non me vexo”.
Pablo, que debutou no primeiro equipo sendo cadete nun partido en metade do Entroido, “por esas cousas do Entroido”; e Juan, que vestiu por vez primeira a camiseta do Antela con 16 anos nun partido de Copa contra o equipo da Ponte de Ourense, gardan centos de bos momentos na Moreira. Aqueles rapaces que antes de aparecer o Toncho e o Carlos pola Saínza xogaban pachangas en Sandiás con tipos de corenta porque non había suficientes nenos (“eramos seis na clase”, lembra Juan, “e despois, cando vin para Xinzo, coñecía a todos os meus compañeiros de clase polo fútbol e tamén aos do meu irmán porque tiña que esperar a que rematase os adestramentos”) gardan tamén moitos agradecementos. Empezando polos pais e por Mari, a nai dun amigo, xa falecida, o Manolo, profesor de teatro, que as veces tamén os traía aos adestramentos. E Ramón e a Julio, os adestradores de tantos días bos e malos.
Dous rapaces do 94 e do 96 acaban de colgar as botas. Dous homes da forxa do Antela din adeus ás tardes na Moreira, ese campo afastado, amplo, xélido no inverno como é A Limia no inverno, que loce espléndido en primavera. Son parte para sempre dun club que os moldeou como eles axudaron a moldear o club con valores sinxelos: traballo, compromiso.
Virei á Moreira e xa lle dixen á directiva que conten comigo para o que precisen. Pero adestrador non, non me vexo” (Pablo).
A min o que me ensinou foi, sobre todo, compromiso. Compromiso e respecto. Téñolle respecto a todos os que pasaron pola Moreira e, penso, que todos nos teñen respecto a nós” (Juan).
“Se o ano que vén vai ser difícil?... Pois xa veremos. Os precedentes están aí: aos equipos de Ourense cústanos cada vez máis competir cos de Pontevedra. Pero algo aprendemos da última experiencia. Hai masa social detrás. E se se mantén a aposta pola canteira, máis que haberá. A xente quere ver xente da casa... na medida do posíbel claro. Hai equipo, unha base boa. Chegamos mellor que hai catro anos”. Os Forri pechan as portas da Moreira. Vai sendo noite. Despois do traballo, máis traballo.