ENTREVISTA | “O obxectivo é establecernos na Preferente”
Pablo Losada (Viladerrei, Trasmiras, 1976), traballador nunha empresa de madeiras na Limia, ex xogador, directivo comprometido no máximo e, por fin, presidente do Antela en Preferente. “Hai un mes estabamos tremendo, a competición foi moi dura, mais eu era dos optimistas... Dos nove da directiva penso que cinco pensabamos que íamos conseguir o ascenso, outros catro eran máis realistas”.
Quen foi quen máis creu nese éxito?
Os que máis, o corpo técnico. E na directiva penso que Dani Xardón.
A quen lle tedes que agradecer?
Á veciñanza. Xinzo de Limia respondeu á chamada. A afección arroupounos. Foi fantástico.
Este ano falouse moito do compromiso dos xogadores. Cal é o balance final a este respecto?
Pois o balance é moi bo. O compromiso foi total... ou case. Houbo dous futbolistas que, deportivamente, non se deixaron dirixir. Entendo que fomos moi esixentes, pero é que sen esixencia, non hai resultados. Por exemplo, nós non permitimos que compatibilicen o fútbol co fútbol sala.
Polo camiño houbo unha destitución de adestradores. Como foi ese momento?
Pois foi duro. No ano da pandemia chamámolos e viñeron sen poñer condición ningunha. Tanto Julio como Ramón son amigos persoais. Son xente do Antela, como calquera da directiva. En xaneiro deste ano pensamos que o rendemento non se correspondía co potencial do equipo e decidiuse dar un xiro. Eles foron os primeiros en entendelo.
O xiro funcionou. Que foi o que máis influíu?
Penso que se rachou con certas confianzas que os xogadores, en xeral, tiñan cos adestradores. Óscar Sabucedo foi estrito e moi claro desde o principio.
...e cambiou cousas.
E cambiou cousas, si. O ritmo foi outro. Moveu xogadores. E estes cambios melloraron o rendemento. Borja Tazos, Joni, Pedro e Breixo deron un salto notábel. Tazos estaba en banda cambiada. Joni pasou á banda, onde se desenvolveu mellor que no centro. Igual que Breixo, que mellorou como central. A Pedro colocouno no centro, con máis campo por diante. Despois pediu a Pancho e volveu chamar a Xabi Lamas para o centro do campo.
Óscar Sabucedo comentou no Diario do Limia que o xogador que máis lle sorprendeu foi Xabi Lamas. No teu caso, cal foi?
En canto a rendemento, Xabi e o resto dos futbolistas en idade xuvenil que acabaron sendo importantes no equipo. Ademais de Xabi están Peque, Borja Carballo, David Lamas... O noso interese é contar con xente da canteira. Estes rapaces son dos máis traballadores e deron ese salto cuantitativo.
Xabi Lamas vai seguir no Antela?
Podo dicir que xa foron tocados algúns xogadores. A respecto de Lamas, se tivese que valorar hoxe as opcións, diría que hai un noventa por cento de posibilidades de que continúe.
O primeiro é contar coa xente da casa sempre que dean o nivel. Queremos xogadores de aquí, da Limia e da contorna.
E o adestrador. Xa falastes?
Falamos. E xa hai acordo. Asinamos con Óscar Sabucedo unha tempada máis. E tamén con Jonathan Lameiras, o seu segundo. Iso está pechado.
Máis alá do aspecto económico, cales son as condicións?
Pola súa parte, non houbo problema ningún. Séntese cómodo. Pola nosa, pois que o primeiro é contar coa xente da casa sempre que dean o nivel. Queremos xogadores de aquí, da Limia e da contorna.
Iso pecha o abano de posíbeis reforzos.
Hai xente da Limia e da comarca xogando en Preferente. En canto rematen as competicións falaremos con eles. Imos empezar por aí, por xente que cumpra ese perfil e que ademais teña experiencia na categoría. Polo momento, non consideramos a futbolistas que esta tempada estiveron noutros equipos de Primeira.
Polo momento, non consideramos a futbolistas que esta tempada estiveron noutros equipos de Primeira.
Que di o adestrador, que tamén ten experiencia na Preferente?
Pois Óscar é realista.
Cal é obxectivo?
Asentar o equipo en Preferente. Sabemos que o difícil é manterse o primeiro ano. Despois hai que lle dar continuidade, establecerse na categoría. Non nos pode pasar o de hai tres anos. Penso que esa lección xa a aprendemos.
O INMEDIATO
Pablo Losada explica que a tempada aínda non rematou. Que mañá (21:00 horas) visita A Moreira en partido de Copa o Barbadás, que será rival tamén en Preferente, como o Arnoia e o Verín, entre os ourensáns. Todos eles cuns orzamentos moi por riba do que tivo este ano o Antela, que foi de 43.000 euros, cunha axuda municipal de 13.000 euros (6.000 deles para o mantemento das instalacións).
Que orzamento estimades preciso para cumprir obxectivos en Preferente?
Esperamos contar cun orzamento de 75.000 euros.
E de onde van saír eses cartos?
Este xoves teremos unha reunión co goberno de Xinzo de Limia. E iso é o primeiro que temos que agradecer. Non imos con esixencias, pero esperamos que a axuda institucional aumente en consonancia coa categoría. Tamén intentaremos aumentar o número de socias e socios, queremos chegar polo menos até os 600. Haberá unha campaña para captar novos abonados.
A alcaldesa, Elvira Lama, xa asume que haberá que facer un esforzo...
Xa digo que nós non imos ir a esa reunión con esixencia ningunha. Mais si achegarei un dato: en Porriño o Concello pon 35.000 euros; en Sanxexo, 28.000 euros. De Verín non teño o dato da axuda municipal, pero o que sabemos é que o seu orzamento neste ano en Preferente estivo ao redor dos 85.000 euros.
Que é o Antela para Xinzo?
Un referente.
Xinzo dá manter ao Antela en Preferente?
Penso que si. Hai apoio entre o tecido industrial e empresarial. Imos traballar para que haxa máis.
E a directiva, necesita reforzos?
Si. E xa temos un máis. Somos dez. Pode que entren máis. Este ano queremos meterlle máis traballo á base, aos xuvenís.