Os dous equipos de Xinzo clasificáronse para os oitavos da Copa

FÚTBOL A LIMIA | O Antela, por inercia; as Escolas, tras os penaltis

O Antela, coa copa de campión de Liga, coa alcaldesa e representantes federativos, esta tarde na Moreira.

COPA DEPUTACIÓN

O Antela goleou o Santa Teresita (5-2) esta tarde na Moreira e clasificouse para os oitavos de final da Copa Deputación. Malia o cambio de competición, a eliminatoria, a partido único, foi unha continuidade para os de Sabucedo, que veñen de disputar oito encontros consecutivos con pouca marxe de erro. O Antela xogou con Andrés Barrio (un xuvenil) na portería, e con Pancho no medio en lugar de Pablo Forri, lesionado. O resto era o once habitual.  

Dominaron os locais, con mellor fútbol que o domingo, pero tamén con algunhas lagoas en defensa que non soubo aproveitar de inicio o Santa Teresita. Pedro volveu a anotar. Fíxoo antes do descanso. Borja Tazos e de novo Pedro puxeron un 3-0 de distancia cumprida a hora de xogo. Pero o Antela non está para partidos tranquilos. 

Un erro dos defensas e un despiste da liña de medios devolveron en dous minutos ao Santa Teresita á eliminatoria (3-2, no 71 de partido). Pero a intranquilidade durou un bocexo. Sergi anotou os dous últimos do Antela, que repetiu sensacións (segue un corpo por riba dos rivais da súa categoría), erros na área rival... e resultado (o mesmo que o domingo no ascenso).

A Federación galega entregou antes do partido o trofeo de campión de Liga ao Antela. Recolleuno Joni, e Pisto acompañou ao equipo xa vestido de rúa. A alcaldesa estivo presente. O concelleiro de Deportes renunciou a saír na foto. Despois estivo no sintético para seguir o partido das Escolas Deportivas, que empezou unha hora máis tarde.

As Escolas Deportivas de Xinzo eliminaron ao Toén, campión este ano no Grupo II de Segunda.

As Escolas Deportivas de Xinzo medíronse ao Toén, que vén de ascender a Primeira. Moi pronto, aos dous minutos, marcaron os locais. Apenas seis minutos despois, empatou o Toén. As Escolas xogaron os últimos 15 minutos de partido cun home menos por expulsión de Corbillón. Nos penaltis, os locais estiveron máis acertados e xogarán en oitavos. Este ano, as Escolas xa eliminaron ao Velle na rolda anterior.

Pola súa parte, o Piñeira quedou eliminado na quenda de penaltis despois de empatar en Coles. Nesta rolda tamén caeu o Celanova (2-4, na casa diante do Maside). Seguen adiante a Unión Deportiva Ourense, o Nogueira e o Barbadás.