O Antela goleou o Santa Teresita (5-2) esta tarde na Moreira e clasificouse para os oitavos de final da Copa Deputación. Malia o cambio de competición, a eliminatoria, a partido único, foi unha continuidade para os de Sabucedo, que veñen de disputar oito encontros consecutivos con pouca marxe de erro. O Antela xogou con Andrés Barrio (un xuvenil) na portería, e con Pancho no medio en lugar de Pablo Forri, lesionado. O resto era o once habitual.
Dominaron os locais, con mellor fútbol que o domingo, pero tamén con algunhas lagoas en defensa que non soubo aproveitar de inicio o Santa Teresita. Pedro volveu a anotar. Fíxoo antes do descanso. Borja Tazos e de novo Pedro puxeron un 3-0 de distancia cumprida a hora de xogo. Pero o Antela non está para partidos tranquilos.
Un erro dos defensas e un despiste da liña de medios devolveron en dous minutos ao Santa Teresita á eliminatoria (3-2, no 71 de partido). Pero a intranquilidade durou un bocexo. Sergi anotou os dous últimos do Antela, que repetiu sensacións (segue un corpo por riba dos rivais da súa categoría), erros na área rival... e resultado (o mesmo que o domingo no ascenso).
A Federación galega entregou antes do partido o trofeo de campión de Liga ao Antela. Recolleuno Joni, e Pisto acompañou ao equipo xa vestido de rúa. A alcaldesa estivo presente. O concelleiro de Deportes renunciou a saír na foto. Despois estivo no sintético para seguir o partido das Escolas Deportivas, que empezou unha hora máis tarde.
As Escolas Deportivas de Xinzo medíronse ao Toén, que vén de ascender a Primeira. Moi pronto, aos dous minutos, marcaron os locais. Apenas seis minutos despois, empatou o Toén. As Escolas xogaron os últimos 15 minutos de partido cun home menos por expulsión de Corbillón. Nos penaltis, os locais estiveron máis acertados e xogarán en oitavos. Este ano, as Escolas xa eliminaron ao Velle na rolda anterior.
Pola súa parte, o Piñeira quedou eliminado na quenda de penaltis despois de empatar en Coles. Nesta rolda tamén caeu o Celanova (2-4, na casa diante do Maside). Seguen adiante a Unión Deportiva Ourense, o Nogueira e o Barbadás.