jueves. 21.11.2024

É o Valladares un deses equipos medios de Preferente que, fóra da casa, xoga a pescar algún punto. E, cando cadra, os tres. Así vai metendo no saco vitorias como a de hoxe. Cunha concentración impecábel durante 90 minutos, unha tortura para o Antela, sen Suso, menos enteiro atrás do habitual, con algún erro groso, como os que lles custaron os goles.

O Antela deixou marchar tres puntos da Moreira nunha tarde mala, que se foi avinagrando a medida que caía o sol, con novidades importantes no once: Tazos, no lateral zurdo; Guede, arriba. Tazos defendeu como se espera que defenda un defensa até a xogada do primeiro gol, mal defendida por todos. Guede demostrou mobilidade e bo pé. Faltoulle o que máis necesita un dianteiro: remate. 

Nunha mala tarde, o Antela estivo menos intenso, menos preciso e demasiado frouxo na área rival. Non funcionou a estratexia nin a segunda xogada despois de pivotar con Guede nin a banda dereita con Romero (nin máis tarde con Carlos) e moi pouco a esquerda. No medio campo o empuxe de Pedro non tivo acompañamento na pausa de Peral. 

Enfronte, o Valladares, comparado cos últimos rivais, nin atacou nin parece ter pólvora para atacar. Dalama apenas tivo traballo, os centrais estaban moi por riba do 9 visitante e os laterais, Teixeira e Tazos, foron apagando as poucas luces do Valladares. Así transcorreu a primeira metade, co Antela chegando e fallando. Co Valladares esperando. Sen goles. Co Antela confiado...

Antela Valladares (2)
Teixeira intenta frear o avance dun dianteiro visitante.

Mais a segunda parte seguiu igual, sen goles nin cambios. Desta volta, o Antela tardou en meter a marcha de máis que precisaba para levantar un partido que parecía sinxelo e se estaba poñendo costa arriba. 

Sabucedo tiña recursos no banco: Carlos, Fabio, Tumbeiro... e foron saíndo. Pero para cando Sabucedo decidiu activalos, o Valladares xa anotara o primeiro. Fabio osixenou o medio campo e Tumbeiro ofreceu unha alternativa ao xogo frontal cara a Guede. Mais o Antela, xa metido en presas, non foi capaz de fiar fútbol con balón como acostuma e seguiu empeñado en Guede. 

A un cuarto de hora do final, un erro dos centrais deixou a un dianteiro rival nun man a man con Dalama. O segundo gol do Valladares matou o partido e as esperanzas do Antela de vivir un outono tranquilo coa Moreira como aliado. 

O Antela segue en proceso de consolidación como equipo de Preferente. Coas súas propias características, que o converten nun conxunto singular e máis atractivo que outros como o Valladares, que sen embargo teñen experiencia dabondo sobre a maneira de cubrir obxectivos, co punto xusto (ou moi xustiño fóra da casa) de ambición. O Antela é outra cousa. Quere cumprir o obxectivo mais xogando como lle gusta. Agora deberá sumar un factor extra de presión: a táboa de clasificación de cada domingo pola noite.

Será interesante de seguir desde a grada. A aposta paga a pena. 

Antela Valladares (4)
Pablo Losada, o presidente, e Joni, o capitán, xunto a Sabucedo co trofeo da Federación.

Óscar Sabucedo ofreceu á afección do Antela o trofeo que onte recibiu na Federación Galega como adestrador destacado da Primeira galega na tempada 2021-22. Na mesma categoría tamén foron distinguidos Tejada (Ordes), Luisito (Unión), Gayoso (Portomarín) e Da Silva Oliveira (Moraña). 

FICHA TÉCNICA

CLASIFICACIÓN


 

FÚTBOL A LIMIA | Apostas que pagan a pena