A Unión Deportiva Ourense aproveita dous erros defensivos para gañar na Moreira (0-2), pero os de Sabucedo melloran

FÚTBOL A LIMIA | O Antela sobe un chanzo

Carlos centra á área onde Borja intenta o remate, nun lance da segunda metade onte na Moreira.

“Competimos, e competimos ben contra un rival de categoría superior”, comentaba un directivo do Antela sobre o céspede nada máis rematar a gran cita da pretempada onte pola tarde na Moreira. Diante de case 300 persoas, a Unión Deportiva Ourense (Terceira) venceu o Antela (Preferente) por 2 tantos a 0 nun partido no que o equipo de Sabucedo demostrou que ten recursos defensivos e que mantén o espírito indomábel da anterior campaña.


O respecto que se gañou o Antela no último tramo da tempada do ascenso está intacto. O nivel de esixencia sobe, mais o Antela tamén mellora. Subiu un chanzo. Pinta ben. O equipo sábese defender e ten actitude para se repoñer aos golpes. O primeiro, antes do partido (baixa de Suso). O segundo, nada máis empezar (un erro de Tazos).


O once titular de Sabucedo foi un brinde por ese Antela limiao co que soña a directiva. Era día de festa na Moreira e para a foto posaron Dalama; Peque, Teixeira, Quintairos, Tazos; Xosé, Xabi Lamas, Pedro; Carlos, Tumbeiro e Joni. A UDO saíu cunha marcha máis, pasou por riba do medio campo local e apertou á defensa. Tazos sufría na súa banda, Sabucedo rifou con el, o lateral cometeu un erro e pasou toda a primeira parte mascando o infortunio. 

A UDO saíu cunha marcha máis, pasou por riba do medio campo local e apertou á defensa.
 

Os rivais son este ano máis fortes e máis rápidos. Os defensas terán que se habituar a defender máis e mellor do que defendían o ano pasado. A concentración é unha arma neste nivel, como demostrou Quintairos, que fixo de todo e en todos lados. Quintairos está xa nese novo chanzo de esixencia, como Joni. 


O 0-1 foi un deses accidentes leves de pretempada. Mais o Antela asustouse quizá por temor a encaixar unha goleada. Entre Dalama e Quintairos foron calmando a liña defensiva, mentres Teixeira se ocupaba de atar ao nove rival. A UDO dominou toda a primeira parte pero non volveu acertar coa portería.


Na segunda parte, o Antela saíu con Brais; Romero, Juáncar, Quintairos, Tazos; Noel, Fabio, Peral; Carlos, Borja e Joni. E tamén cunha marcha máis. Equilibrou o partido. Foi perdendo o balón co paso dos minutos, máis mantivo sempre a capacidade de ameazar á area rival. Romero, Juáncar, Noel, Fabio e Peral están tamén nese novo chanzo de esixencia. 


O Antela é equipo de Preferente e diante da UDO empezou a sentirse como tal, mellorado respecto hai apenas catro meses. Quedan dúas semanas de preparación antes do debut, e na Moreira hai boas noticias: apareceu un reforzo inesperado, Tiago Teixeira (Breixo regresará pronto); Xabi Lamas, Pedro e Borja (claves na Liga pasada) seguen téndose moita fe e parece que serán os seguintes que subirán o chanzo.

Tiago Teixeira, onte na A Moreira, ao remate do partido.


Sabucedo ten un plan, un once definido e fondo de armario. Está por ver para o que dá, e en que sentido opera esta tempada ese intanxíbel chamado vestiario. Mais a cousa pinta ben. Na directiva respírase confianza no equipo. O cadro técnico transmite confianza no equipo. E no campo as novas incorporacións reforzan a confianza dun equipo que se segue tendo fe. 

O filial, antes do choque contra o Vilar de Barrio, con Carlos e Adrián en primeiro plano. | FOTO: Antela F.C.


O FILIAL VOLVE GAÑAR
No partido previo, o Antela Xinzo de Toncho rematou a semana cun triunfo diante do Vilar de Barrio (3-1), outro equipo co que se medirá na próxima Liga de Segunda galega. Toncho volveu contar con Aarón, Adrián, Anxo e David Lamas. Ademais destes catro xogadores que comezaron a pretempada co primeiro equipo, Toncho dispón de varios centrocampistas de bo pé, ademais de Germain. Anxo gobernou o partido como fixo diante do A Bola, e tamén anotou un gol. O amigábel diante do Piñeira Seca, un dos candidatos ao ascenso a Primeira, permitirá medir o nivel de ambos conxuntos limiaos.