FÚTBOL A LIMIA | Antela-Verín, o 17 de maio na Copa... co permiso do Santa Teresita
O sorteo da rolda de dezaseisavos de final da Copa Deputación emparellou ao Antela co Verín, ao Piñeira Seca co Coles e ás Escolas Deportivas de Xinzo co Toén. As eliminatorias dispútanse a partido único, e a data fixada para os partidos é o 17 de maio, mércores.
O Antela, que na rolda anterior superou ao Paderne, está á espera de que se confirme que o seu rival é o Verín. Os verineses eliminaron nos penaltis ao Santa Teresita, rival dos limiaos na primeira fase da Liga, mais o Comité de Competición estuda unha reclamación do Santa Teresita por aliñación indebida do equipo visitante.
O Antela terá rematado a competición ligueira, o 15 de maio disputarase a última xornada, antes de volver xogar na Copa.
O Verín disputa nestes momentos a fase de ascenso a Terceira, mais só sumou 4 puntos nos catro primeiros partidos e está moi lonxe das prazas de ascenso directo. No último partido de Liga caeron en Portonovo (3-1). Antes de enfrontarse ao Antela, deberán xogar diante do Pontevedra B, o Vilalonga, o Gran Peña e o Umia. Pola súa banda, os limiaos terán rematado a competición ligueira antes de volver xogar na Copa.
O Piñeira Seca, que superou na rolda anterior ao Arrabaldo nos penaltis, medirase ao Coles en campo contrario. O Coles vén de superar a outro representante limiao, o Vilar de Barrio (0-3). Pola súa parte, as Escolas Deportivas gañaron o seu pase eliminando ao actual campión da Copa, o Velle (1-0, o día de Reis en Xinzo). Agora mídense, de novo no Fernández Carrera, a un Toén que na rolda anterior venceu no Irixo (1-3).
Antes de pensar na Copa, o Antela ten este domingo un partido clave no Pereiro de Aguiar diante do Vilariño, o equipo que lle deu máis traballo na primeira volta da fase de ascenso a Preferente. Na Segunda de Galicia, as Escolas reciben este sábado ao Paderne, e o Piñeira Seca visita o domingo ao Bubal en Oímbra.
O sorteo de 1/16 da Copa: aquí.