FÚTBOL A LIMIA | Traballo e (despois) diversión
Liga de Preferente
Cando o vento sopra de fronte na Moreira, rumorea: “traballo”; cando sopra ás costas, murmura: “diversión”.
Así comezaba unha crónica que algún trasno da informática borrou para sempre da rede...
Aquí vai unha nova versión:
O Antela traballou 60 minutos e divertiuse no tramo final no partido máis prácido dos que leva disputados esta tempada. O equipo, en fase larvaria, empeza a mostrar algúns rasgos do seu perfil: unha defensa máis eficaz que elegante, un centro do campo con timón e dinamita e un ataque variado no que tres xogadores xa anotaron máis dun gol. Dous deles protagonizaron os momentos clave do partido desta mañá.
Primeiro, Pedro, que anotou o empate a pouco do descanso despois dun balón moi disputado por Borja e Romero. Despois, Romero, que concretou a remontada cun disparo desde fóra da área tras unha boa combinación de Joni e Borja.
O Beluso marcou o primeiro e o último gol do parido, pero antes e entre medias, todo foi o Antela. A defensa, unha liña amañada con catro centrais, empurrou ao equipo até o campo rival. No medio campo, Pedro e Peral percutiron con constancia e criterio. Os dianteiros traballaron co mesmo ímpetu que os demais. O Antela foi un equipo e pasou por riba dun Beluso que, polo visto hoxe, só xoga cando xogan Diego e Freire.
O Antela traballou toda a primeira parte contra o vento e un rival que esperou e golpeou. Xusto despois do 0-1, Pedro disparou desde moi lonxe esixindo a Ismael, o meta visitante. Era a evidencia de que o Antela mantén o xen da tempada pasada. Nunca se rende. Tras o empate de Pedro, o Antela marchou ao vestiario convencido da súa superioridade. Quedaba toda a segunda parte a favor de vento para completar a remontada.
Era a evidencia de que o Antela mantén o xen da tempada pasada. Nunca se rende. Tras o empate de Pedro, o Antela marchou ao vestiario convencido da súa superioridade.
O Antela arrancou ordenado, intenso e vertical. Romero, no seu terceiro gol en tres partidos, rematou o traballo. Despois tocaba divertirse. Carlos saíu por Joni e mandou á rede o primeiro balón que tocou tras un rexeite da defensa visitante nun córner. O público sumóuse á festa. Gozou dos detalles de Teixeira e Noel, dun novo tanto de Carlos resolvendo un man a man diante de Ismael, e cun equipo que foi un bloque de principio a fin, sen erros graves e cun fútbol amplo por toda a fronte de ataque.
A Moreira é o epítome da Limia, un prado ancho e longo no que o vento axita futbolistas como Pedro e Joni, ou como os máis novos Teixeira e Romero, labregos no tempo dos Sputniks, aqueles que cantaban “ten as portas abertas/ o pobo traballador/ pra deixar que entre o vento, vén,/ de revolución”.
FICHA TÉCNICA
Antela: Suso, Juáncar (Adrián, 68'), Quintairos, Breixo, Teixeira, Noel, Peral, Pedro (Fabio, 62'), Romero, Borja (Guede, 72’) e Joni (Carlos, 68').
Beluso: Ismael, Manuel (Portela, 53'), Darío, Joel, Diego, Pablo (Gil, 65'), Hugo (Blanco, 53'), Tiago, Alejandro, David e Freire.
Goles: 0-1, m. 35: Hugo; 1-1, m. 41: Pedro; 2-1, m. 61: Romero; 3-1, m.71: Carlos; 4-1, m. 81: Carlos; e 4-2, m. 90: Freire.
Árbitro: Rodríguez Barreira. Auxiliares: González Pérez e González Rodríguez. Mostraron tarxeta amarela a David (56’) e Manuel (76’) e expulsaron a Garrido (77'), estes últimos no banco, polo conxunto visitante. No Antela viron a amarela Borja (4'), Noel (14'), Peral (79') e Fabio (86').
Incidencias: Estadio A Moreira. Uns douscentos espectadores.