Peral debuta na Liga co Antela despois de mes e medio esperando o pase internacional

FÚTBOL A LIMIA | O futbolista que chegou do frío

Miguel Peral, co Antela na Copa, o pasado mércores no Pabellón. | FOTO: Noelia Caseiro.

A disputa o domingo pola tarde do clásico Real Madrid-Barça aconsellou mudar os horarios das competicións de fútbol amador. O Antela fixou o seu encontro co Beluso para as 12:00 horas de mañá domingo na Moreira. Óscar Sabucedo volve contar con Fabio e Borja Tazos, de regreso das súas vacacións, e incorpora na convocatoria a Juan Guede, dianteiro fichado ao Allariz. Mais a principal novidade é a de Miguel Peral, que debutará na Liga despois de mes e medio esperando polo pase internacional.


Miguel Peral acaba de cumprir os 21 anos. Hai catro meses estaba despedíndose do MRKS Czechowice-Dziedzice, equipo da cuarta división de Polonia, co que adestrou e disputou algúns partidos este ano mentres realizaba un curso de Erasmus na Akademia Techniczno-Humanistyczna Bielsku-Bialej, que depende da universidade de Łódź.


“Foi unha das experiencias máis bonitas e tamén máis difíciles da miña vida, xa que cheguei cheo de medos e dúbidas, pero tamén con ilusión e curiosidade”, deixou escrito na carta de adeus. “Puiden aprender moito sobre a cultura futbolística polaca e fiquei impresionado co importante que é o fútbol na vida do país”.


En Polonia, que futbolisticamente non levanta cabeza desde antes da caída do Muro (1989), é probábel que Peral descubrise a Grzegorz Lato, o máximo goleador no Mundial de Alemaña (o de 1974) que estirou a súa carreira até o Mundial de España (1982) onde Polonia tocou o seu teito. 


En Polonia, onde a selección, orgullo nacional, segue no conxelador desde aquela Copa do Mundo onde Lato e Boniek coincidiron con Maradona, Platini, Zico, Rummeningge e Rossi, tamén descubriu Miguel Peral “o que é o frío real: adestrar ou xogar a menos de dez graos, coa neve caendo ou mesmo en campos conxelados”.


Peral, como demostran esas palabras de despedida que o MRKS colgou no seu Facebook o 17 de xuño xunto con dúas fotos do xogador, co 9, é un tipo moi agradecido. Na Moreira, onde escolleu o dorsal 14, levaba mes e medio adestrando con carraxe e obstinación. Sabía que o domingo non podería xogar porque faltaba un papel, o transfer. O club explica o atraso por un erro da Delegación ourensá que se corrixiu esta mesma semana. Así puido debutar Peral na Copa.

Miguel Peral, a tempada pasada, coa camiseta do MRKS Czechowice-Dziedzice.

“Tiña moitas ganas de empezar e quizá por isto entrei ao partido cun punto de máis de excitación. Queres xogar, queres dalo todo...”, di Peral este venres antes do último adestramento previo, xa con temperatura outonal na Moreira, ao partido de mañá contra o Beluso. O Antela caeu na Copa. Sabucedo dedicou os dez primeiros minutos da sesión de onte a sinalar os erros dese partido. 


“O equipo vai mellorando e somos capaces de competir con calquera rival da categoría. Hai moita igualdade e han ser detalles pequenos os que determinen quen vai estar arriba e quen abaixo”, opina Peral, que se sente cómodo “na media punta” e xa coincidiu con Sabucedo no Velle: “segue sendo igual de esixente, e segue apostando por un fútbol ofensivo a través da posesión”.


Para o partido diante do Beluso, o 14 do Antela asegura que “xa me atopo ao cen por cen mentalmente e o domingo será distinto ao que foi na Copa”


A CONVOCATORIA
Anxo volveu a adestrar onte co primeiro equipo, mais aínda segue a se recuperar da rotura que sufriu na primeira xornada de Liga diante do Pontevedra B. Tumbeiro é a outra baixa por lesión. Xosé, castigado con catro partidos pola expulsión na quinta xornada, non xogou a Copa nin xogará os tres próximos partidos de Liga. David Lamas e Peque estarán hoxe co filial. Adrián mantense na convocatoria de Sabucedo.


A lista para mañá está formada por Suso e Dalama (porteiros); Romero, Juáncar, Breixo, Quintairos, Teixeira e Tazos (defensas); Noel, Fabio, Pedro, Peral, Xabi Lamas e Adrián (mediocampistas); e Carlos, Borja, Joni e Juan Guede (dianteiros). Guede, fichado esta semana, non adestrou onte por motivos laborais. Sabucedo está valorando a posibilidade de modificar os días de adestramento para superar cuestións deste tipo que afectan a varios futbolistas. 


SEGUNDA GALEGA
Toncho contará con David Lamas e Peque para o partido deste sábado (17:00 horas) do Antela Xinzo en Vilar de Barrio. O Vilar de Barrio perdeu a semana pasada en Viana e o mércores caeu na Copa, mais é unha das sorpresas no comezo da Liga: marcha quinto con 3 vitorias e un empate nas cinco primeiras xornadas. O Piñeira Seca, que tamén viu freado o seu bo arranque a semana pasada na Rúa e despois caeu na Copa, recibe ao Viana nun partido entre candidatos ao ascenso (domingo, 12:00 horas no Touzal). E, tamén mañá, o Sarreaus mídese en campo propio (17:00 horas) ao Espadana. 

O Antela xuvenil celebra o triunfo deste sábado contra o Santa Teresita

VITORIA DOS XUVENÍS
Un gol de Cristian Rodríguez sobre a hora de partido decidiu o triunfo do Antela xuvenil sobre o Santa Teresita (3-2), nun partido disputado esta mañá no Fernández Carrera. Ao descanso chegouse con empate a dous tantos, polos locais marcaran Felipe e Izan. O Antela suma a súa terceira vitoria en catro partidos e iguala co seu rival de hoxe a 9 puntos. A próxima xornada, o Antela visitará ao líder, o Cented Academy B en Santa Cruz de Arrabaldo.