FÚTBOL A LIMIA | Fabio e Tazos, baixas para a visita ao Umia
O Antela adestrará toda a semana sobre o céspede artificial do Fernández Carreira na Moreira. O partido da quinta xornada de Liga está fixado para as 12:00 horas do domingo na Bouza, en Barrantes, sobre céspede artificial. Óscar Sabucedo non poderá contar con Borja Tazos nin con Fabio, xa que ambos teñen programadas as súas vacacións laborais para estas datas. A lista de baixas amplíase tras as coñecidas de Tumbeiro e Anxo, lesionados; Miguel Peral, pendente do pase internacional; e Sergi, que solicitou a baixa no club para probar sorte na Primeira galega. Carrasco, que xa se estreou a pasada fin de semana co filial, tamén é baixa definitiva.
Sabucedo dispón de Suso e Dalama (porteiros); Romero, Peque, Quintairos, Breixo, Juáncar e Teixeira (defensas); Noel, Xabi Lamas, Pedro e Xosé (mediocampistas); Carlos, Borja e Joni (dianteiros). Para completar a lista de 18 deberá botar man de xogadores sub'23 do filia: Adrián e David Lamas xa debutaron en Preferente, e Aarón tamén fixo a pretempada co primeiro equipo.
"O Umia é un rival ao que lle teño moito respecto", di Óscar Sabucedo antes de comezar o primeiro adestramento da semana, onte na Moreira. "Imos a unha superficie e herba artificial á que non estamos habituados. As xogadas a balón parado poden ser determinantes, e aí estamos a ter problemas. Fáltanos a intensidade defensiva necesaria". Sabucedo lamenta que os goles no último partido diante do Céltiga chegaron por erros propios. "Debemos estar máis concentrados desde o minuto un. A tempada pasada podías saír a ver que pasa... esta non. Calquera despiste é un gol. E remontar faise moi complicado".
O Umia chegará coa mesma lección gravada. O domingo encaixou moi rápido, no minuto 3, diante do Barbadás, que xogou cómodo o resto do encontro e acabou goleando (3-0). Como local, o Umia cedeu o primeiro partido en campo propio diante do Cultural Areas cun gol no desconto. Mais na terceira xornada superou amplamente ao Céltiga (3-0), foi o único partido no que conseguiu manter a súa portería a cero: nos outros tres encontros, apañou tres goles en cada un.
Diante das baixas longas de Anxo e Tumbeiro, e despois da saída de Sergi, o Antela está traballando a posibilidade de reforzar unha dianteira que en apenas un mes perdeu á metade dos xogadores cos que Sabucedo arrancou a preparación en agosto.