FÚTBOL A LIMIA | O Antela quere e pode
Liga de Preferente
Na primeira acción do partido, Tumbeiro controlou un balón, xirouse e foise do seu par. O Antela espertou antes que o Cultural Areas, un líder ben aseado pero que aos 18 minutos xa encaixara dous goles nunha Moreira con moi pouco público pola coincidencia co día grande da Romaría da Saínza. O Cultural Areas perdeu o partido neses primeiros envites. E enfadou tanto ao seu técnico, Daniel Fernández, que fixo catro cambios aos 33 minutos de xogo.
Óscar Sabucedo corrixiu antes. Deixou fóra do once a Quintairos, Tazos e Borja. A defensa titular era inédita: Peque e Teixeira nas bandas e Juáncar e Breixo no centro. Hai un mes, Peque parecía destinado ao filial. Hoxe disputa un posto no once na liña con máis competencia do equipo. Sabucedo conta con sete defensas e tirará proveito deles.
O Antela xogou con vento de popa, ao contrario que nos dous primeiros encontros, e iso temperou os nervios.
Tamén corrixiu na dianteira. Tumbeiro saíu no posto de nove en lugar de Borja. Creou espazos para a ofensiva e tivo a fortuna de anotar un gol nun rexeite dun defensa. Tumbeiro despregou un rexistro máis amplo do que mostrou durante toda a preparación.
O Antela xogou con vento de popa, ao contrario que nos dous primeiros encontros, e iso temperou os nervios. O Antela quixo e puido. Resistiu a segunda parte malia a presión do rival, con Quintairos recuperando protagonismo e Xosé encontrándoo. “Foi un gran partido con moito traballo de todos os xogadores. Estou contento con todos: cos que xogaron máis, cos que xogaron menos e cos que non xogaron”, dixo Óscar Sabucedo ao remate, reafirmando as súas palabras da semana (“confío en todos”).
E parece que confía. Todos, salvo Dalama (meta suplente), Peral (aínda sen ficha) e Carrasco (que podería reforzar o filial), xa disputaron minutos (incluídos Adrián e Anxo) nos tres primeiros partidos de Liga.
O encontro tamén rescatou a Carlos como goleador. “Tiña ese hándicap emocional, o non ter marcado despois da lesión”, dixo o dianteiro. Anotou aos 5 minutos, nunha internada de Joni que centrou ao segundo pau, o defensa non pechou e Carlos, moi vivo, meteu o pé. O día grande da Saínza abriu despexado, e o Antela celebrou o seu regreso a Preferente vencendo o líder. O Antela pode.
FICHA TÉCNICA
Antela: Suso, Peque (Quintairos, 69’), Juáncar, Breixo, Teixeira, Noel, Fabio (Xosé, 76’), Pedro (Sergi, 86’), Carlos, Tumbeiro (Xabi Lamas, 80’) e Joni.
Cultural Areas: Sergio, Carlos (Pereira, 33’), Bugarín, David Ares, Fran Toimil, Paulo Feijoo (Vasconcelos, 33’), García (Cristian, 33’), Bargiela, Adrián Vázquez (Castro, 33’), Iván Capelo e Gayoso.
Goles: 1-0, m. 5: Carlos; 2-0, m. 18: Tumbeiro; 2-1, m.61: Castro.
Árbitro: David Pérez, auxiliado por Gómez Lemos e López Fernández. Mostraron tarxetas amarelas a Toimil (53’) e Capelo (63’), polos visitantes; e a Fabio (59’), Joni (72’), Noel (90’) e no banco a Dalama (90’). Tamén foi expulsado o delegado local, José Antonio Parente.
Incidencias: A Moreira. Un cento de espectadores nun partido matinal no día da Romaría da Saínza. Dani Pérez, o xuvenil do Antela que sofre unha grave enfermidade, recibiu o apoio do primeiro equipo que exhibiu camisetas co seu nome para fotografía anterior ao partido.