O Antela-Cultural Areas xógase o domingo ás 12:00 horas por mor da Saínza

NOTICIAS XINZO | Matinal na Moreira contra un líder experto

Fran Toimil, coa pelota, nun partido de pretempada do Areas contra o Atios. | FOTO C.D. Cultural Areas.

Non hai rival máis duro nin partido máis complicado a estas alturas na Moreira que o de mañá, por ser domingo da Saínza, a festa da Limia, e sen Peral, perdido o transfer en Polonia, demasiado lonxe para un club como Antela sen contacto ningún co que petar na porta federativa e sen saber moi ben a quen recorrer. Tres xornadas xa sen aliñar unha peza clave. Dúas derrotas que doeron porque o equipo estivo por baixo dos rivais, e segue intentando coller o ritmo da Preferente.


Todo iso cando remata de súpeto o verán e na Moreira xa é noite e Sabucedo activa aos xogadores contra o frío da desesperanza no último adestramento este venres antes de recibir ao líder, o Cultural Areas, que chega despois de vencer ao Umia e ao Céltiga, tres goles en cada partido e con Iván Capelo como máximo anotador da categoría (3 goles).


O Antela cambiou o horario habitual e o partido disputarase ás 12:00 horas de mañá. Peral verá o xogo desde a grada. O futbolista asume á espera e en cada adestramento esfórzase como o que máis. O Antela precisa un líder e todos miran a Peral. Tamén esperan. 


O Cultural Areas, claro, é máis que Iván Capelo. As estatísticas destacan a Diego Pérez, o porteiro, 121 partidos como titular nas últimas cinco tempadas xogando no Valadares, no Atios e no Cultural. Ten 24 anos. Na defensa os números apuntan a David Ares, central de 22 anos, catro xa de experiencia na Preferente. No medio campo, veñen sendo titulares fixos Fran Toimil, 24 anos, formado no Celta, e Paulo Feijoo, de 28 e oito de experiencia na categoría con 143 partidos. E arriba está Capelo, 25 anos o próximo mes, que xa marcou nesta Liga os mesmos goles que na pasada co Choco (xogou 16 partidos en Terceira) e co Gran Peña (12 partidos na Preferente).


O Cultural Areas é, por idade, o segundo club de Ponteareas. Hai 14 anos ascendeu a Terceira e desde aquela xogou seis tempadas nesa categoría. En Preferente gañou dúas Ligas (no 2013 e no 2017) e foi terceiro no 2020 e no 2022. Nestes últimos tres lustros tiña mellor historial que o Xuvenil de Ponteareas, mais este equipo gañou o título hai dúas tempadas, ascendeu a Terceira e descendeu a pasada campaña.   


No Antela non hai novidade. Breixo e Sergi van collendo o ton, e tamén Carlos. No centro do campo volveu adestrar Noel. Con Fabio fixo, as outras prazas de mediocampistas no once estarán entre Noel, Xabi Lamas e Pedro. A convocatoria complétase con Suso e Dalama (porteiros), Quintairos, Juáncar, Peque, Teixeira e Tazos (defensas) Xosé (centrocampista) e Joni, Borja e Tumbeiro (dianteiros). Non está Romero, titular no lateral dereito nos dous primeiros partidos.

Último adestramento do Antela, onte na Moreira, antes do partido do domingo. | FOTO: Diario do Limia.

Sabucedo falou esta semana de mellorar aspectos defensivos despois de encaixar seis goles en dous partidos; a maioría, a balón parado. O Antela é último, sen punto ningún, o mesmo que o Castrelos e o Moraña, os outros dous ascendidos. 


No resto da xornada, entre os equipos ourensáns, o Verín recibe ao Moraña; o Barbadás visita en Burgáns ao Cambados e o Atlético Arnoia recibe ao Ponteareas.


SEGUNDA GALICIA
Na Segunda Galicia, no Grupo 3, o Piñeira Seca, líder, visita en Oímbra ao Bubal; o Antela Xinzo mídese en Viana a outro dos favoritos; o Sarreaus xoga esta tarde (17:00) na casa contra o Vilamartín; e o Vilar de Barrio, tamén con dúas vitorias, visita mañá Parada do Sil.