O Antela Xinzo recibe esta tarde (16:30 horas no Fernández Carrera) ao Piñeira Seca

NOTICIAS A LIMIA | Un derbi de primeira en Segunda

O Antela Xinzo recibiu ao Maceda no anterior partido de Liga no Fernández Carrera. | FOTO: Antela F.C.

Dous candidatos ao ascenso mídense esta tarde na Moreira. Dous veciños amistosos que se respectan e alimentan unha rivalidade que se resolve no terceiro tempo. "É certo, é un partido un pouco máis especial, somos coñecidos e despois do encontro, se cadra, tomaremos unhas cervexas e intercambiaremos algunha pulla", di Kiko Bolaño, adestrador do Piñeira Seca, que vista esta tarde ao Antela (16:30 horas no Fernández Carrera) na sétima xornada da Liga de Segunda galega, no grupo 3 de Ourense.


"Coñezo a todos os xogadores do Piñeira Seca, mesmo adestrei a algúns hai uns anos. É un bo equipo e aí están os resultados nos últimos anos. Estará en postos de cabeza, pelexando polo ascenso, seguro", di Toncho, adestrador do filial, que acusará as baixas de Manu, por lesión, e David Lamas, sancionado, mais contará con Anxo, recuperado da rotura que sufriu no seu debut en Preferente hai 40 días. Óscar Sabucedo prefire que Anxo se probe co filial. 


Toncho disporá de Brais e Roi (porteiros), Cerredelo, Aarón, Peque, Juan Forri, Javi, Atanes, Rubén, Cerredelo, José, Said, Andrade, Belucho, Carrasco e Germain. "Temos que centrarnos en xogar, sempre o mellor posíbel, o resultado é importante, mais se xogas ben, normalmente terás bo resultado", explica o adestrador branquinegro, e confesa que o equipo "empeza a ser o que queremos despois dunha pretempada na que tivemos moita xente a proba e que se nos fixo un tanto curta".


O Piñeira Seca chega segundo na clasificación con 4 vitorias e 20 goles en seis partidos. “En realidade hai dúas ligas, unha de sete ou oito equipos que pelexaremos polo ascenso, e despois o resto. O calendario, a quen te enfrontes nestes primeiros partidos, está marcando a clasificación”, explica Kiko Bolaño, que lamenta o empate que cederon na casa diante do Parada. “A derrota na Rúa entra dentro do normal, despois gañamos ao Viana e agora seguimos co Antela e co Maceda. Estamos no tramo duro”.


Toncho coincide na análise da división. “O Vilamartín ten moi bo equipo, e xente con experiencia, é certo que até agora xogou contra equipos que están abaixo, pero o Vilamartín e o Rúa son dous dos favoritos”.   


De cara ao partido desta tarde, Kiko, que leva dúas décadas á fronte do Piñeira Seca, que esta tempada renovou o cadro de xogadores con Luis, Adrián e Pío, “mais mantemos practicamente a estrutura da tempada pasada”, di que o seu é un equipo “fiábel”. “Levamos moitos anos a bo nivel, coas nosas propias fortalezas, somos un conxunto moi loitador”. 


A XORNADA
A sétima xornada de competición complétase para os equipos limiaos mañá coa visita do Vilar de Barrio (sexto clasificado) ao Maceda (cuarto). Será as 17:00 horas no Cardenal Quiroga. O Sarreaus visitará ao Molgas, tamén mañá, ás 16:30 horas na Chaira. O líder, o Vilamartín, xoga en Parada do Sil; o Rúa recibe ao Vilardevós, e o Viana e o Rocas enfróntanse en Viana.


VITORIA DO XUVENIL
O Antela xuvenil gañou (2-3) ao Cented Academy en partido correspondente ao grupo B da Primeira provincial disputado este sábado en Arrabaldo. O equipo de Juan Forri adiantouse 0-3 antes do descanso con tantos de Cristian (2) e Raúl Lorenzo.

Os xuvenís do Antela, minutos antes do partido desta mañá. | FOTO: Antela F.C.