Os pavillóns dos institutos volverán a activarse para uso dos equipos

NOTICIAS XINZO | O baloncesto lidera un deporte base que precisa novos equipamentos

Luis Miguel Gil, este venres no pavillón. | FOTO: Noelia Caseiro.

“É unha débeda que teño desde a miña etapa como concelleiro”, explica Luis Miguel Gil, que fala como presidente da Asociación Baloncesto Xinzo nunha entrevista co Diario do Limia sobre un pavillón que acaba de ser encerado e no que xa empezaron os adestramentos varias disciplinas. “Xinzo necesita un espazo a maiores, un anexo a este pavillón ou unha instalación similar”, asume Gil.


“Entendo que Xinzo é unha das vilas da provincia con máis licencias no deporte base, e no baloncesto volveremos ser a primeira esta tempada. Este pavillón ten a virtude de poder dividirse en tres pistas, pero é certo que só co baloncesto ocúpanse moitas horas”, recoñece o que fora concelleiro de Deportes no anterior goberno municipal.


Membros do actual goberno tamén asumiron a necesidade de contar con novas instalacións deportivas públicas que completen ás actuais. Foi durante a Feira do Comercio, a última fin de semana de agosto, á que seguiu Alimagro, celebradas no pavillón. Durante dúas semanas no que algunhas disciplinas empezan a súa preparación, o pavillón estivo ocupado. O baloncesto, por exemplo, utilizou as pistas da piscina para os primeiros adestramentos.


O Club Karate Xinzo anunciou os seus horarios. Martes e xoves de 17:30 a 22:00 horas, no ximnasio. Outras disciplinas, como o fútbol sala, co P. Tinto (homes) e o Xinzo Feminino aínda non coñecen dispoñibilidade da pista. Horarios e espazos para os que tamén hai que contar coa ximnasia e o atletismo, entre as modalidades con máis practicantes. Os horarios das instalacións, entre as que volven a incluírse os pavillóns dos institutos despois de dous anos de restricións pola pandemia, coñeceranse a próxima semana.


“Xinzo é a vila que ofrece maior oferta deportiva para nenas e nenos”, insiste Luis Miguel Gil, “e este é un servizo imprescindíbel para manter vivo o rural”. O baloncesto, o AB Xinzo, volve crecer esta tempada. Xa teñen inscritas 65 nenas e 80 homes. “En canto se abra o prazo para o baby-básket estaremos non 180 rapaces e rapazas”, apunta o presidente.

OS NÚMEROS DO AB XINZO
Esta tempada tamén aumentará o número de equipos -e por vez primeira haberá conxuntos masculino e feminino en todas as categorías-, ademais do número de desprazamentos -dous conxuntos están en Liga galega-, e incrementouse tamén o cadro técnico, con dous novos adestradores. 

Un deles, Toni Ladra, “un técnico veterano con experiencia en Maristas e no COB”, explica Luis Miguel Gil. “Necesitabamos un cambio no equipo sénior masculino. E pensamos nun adestrador como Toni. Non o dubidou e aquí está. Dos 13 sénior, 11 son xogadores de canteira. Esa segue sendo a nosa liña. E cando se poida, se se pode, intentaremos o salto de categoría. Pode que sexa con este equipo, aínda que este ano é pronto”. As novidades no sénior son Iago, que rematou a súa etapa xuvenil, e Karim, que regresa a Xinzo.

No equipo sénior feminino os obxectivos son outros. O sénior supón completar o ciclo. Polo momento dispoñen de oito xogadoras, e sete son da canteira. “Este ano empezamos a competir despois dun tempo adestrando. Paciencia”, recomenda o presidente, e di que na base de mulleres van vendo os resultados nese traballo de canteira: “As júnior, por exemplo, son desa xeración de 2005 e 2006 que comezaron no baloncesto con 5, 6 ou 7 anos. Son xogadoras que traen unha formación sólida”.


“O fútbol é unha cousa e o resto somos outra”, gusta repetir Luis Miguel Gil, que ten experiencia na xestión pública mais tamén no fútbol, co Antela. O fútbol conta cos campos da Moreira e o Fernández Carrera, nun ano que se consolidou a continuidade entre a base e o primeiro equipo co acordo para formar o Antela Xinzo. O resto tamén contan. “E como tamén digo sempre, o deporte base, ademais de dar ese servizo que contribúe a manter poboación, deixa cartos en Xinzo”. 

En ano electoral, a reivindicación dun novo espazo para o deporte base correrá paralela á dun pavillón de exposicións, o edificio multiusos adaptábel ás necesidades de eventos como feiras ou concertos que concelleiros do grupo de goberno volveron a reclamar na Feira do Comercio e para o que xa teñen enclave: o campo da feira. Ao lado do pavillón... pode que a reivindicación sexa paralela ou sexa a mesma. En todo caso, o deporte en Xinzo, liderado polo baloncesto, segue medrando e rompe teitos.