NOTICIAS XINZO | Carlos Canal: “Fun gardando forzas para a segunda parte de La Vuelta”
Carlos Canal descansa este luns nun hotel de Alacant despois de inspeccionar pola o percorrido da etapa de mañá martes, a décima, en La Vuelta, 31 quilómetros chairos baixo a calor da costa mediterránea. A crono anterior, por equipos, o primeiro día de carreira, no saíu ben para o Euskatel Euskadi, a escuadra que deu ao ciclista de Xinzo a oportunidade de disputar a súa segunda grande.
Canal foi 11.º no sprint da segunda etapa da carreira e 17.º no da terceira, en Utrecht e Breda (Holanda), ambas con vitoria de Sam Bennet e o limiao como o mellor dos ciclistas españois. Despois, no final en Bilbao (quinta etapa), Canal foi 26.º e estivo diante tamén en Cistierna (sétima etapa) onde rematou 29.º.
“Foi un comezo moi duro, con etapas decisivas xa no principio. Levamos enriba moito desgaste, aínda que penso que aguantei sen demasiados problemas. O peor foi a última subida de onte, Les Praeres, un muro de 4 quilómetros”, di Canal, que acaba de cumprir os 21 anos e marcha no posto 100º da xeral tras ter completado as nove primeiras etapas de La Vuelta, un duelo sen descanso entre o belga Evenepoel e eslovaco Roglic. “Evenepoel é o favorito na crono de mañá. Roglic estará cerca”, vaticina Canal. “Eu intentarei estar entre os primeiros”.
“No equipo estamos tranquilos. Estamos a bo nivel, non cos líderes, pero ben. Teño boas sensacións. Está sendo difícil entrar en fugas porque hai xente de moito nivel, como Marc Soler, por exemplo, que están nesas batallas. E nos sprints, pois como sei que me desenvolvo ben, intentei estar o máis adiante posíbel, pero todo o mundo chega moi castigado, estase indo moi rápido”.
Canal apunta que a finais desta segunda semana de La Vuelta e principios da terceira haberá novas ocasións de sprints e fugas en xornadas chairas. “Non tiña a obriga de me meter en fugas os primeiros días. Fun gardando forzas para a segunda parte de La Vuelta. Penso que as mellores oportunidades para buscar un triunfo de etapa están a partir de agora”.
OS NÚMEROS DE CARLOS CANAL NA VUELTA A ESPAÑA 2022.
As etapas con finais en Montilla, este venres, e Tomares, o martes, ofrecen perfís chairos, adecuados ás condicións de Canal, pero haberá outras. Canal, ciclista de fondo, promete estar máis visíbel a partir de mañá. “Eu síntome ben, si”, asegura.