DEPORTES A LIMIA | Carlos Canal, noveno na crono final en Sarria
Carlos Canal alcanzou o noveno posto na etapa final do Gran Camiño disputaba este domingo baixo a modalidade de contrarreloxo individual en Sarria (Lugo). O ciclista limiao do Euskaltel, foi o mellor dos mozos nesta última xornada, e rematou sexto na clasificación do maillot branco, e cuadraxésimo primeiro na xeral, a 15 minutos do vencedor.
O gañador da volta foi Alejandro Valverde (Movistar), que remontou os dez segundos de desvantaxe co australiano Woods. Valverde, gañador da etapa de onte en Luíntra, e Woods, vencedor o día anterior no Ézaro, xogáronse na crono a vitoria final. Gañou o murciano, excampión do mundo, que rematou a etapa cuarto, e conseguiu 17 segundo de vantaxe sobre Woods.
O vencedor do día en Sarria foi o ucraíno Mark Padun. E Canal terminou noveno, a só 26 segundos de Padun, na súa mellor participación nestes catro días no Camiño, unha competición na que foi de menos a máis. Onte, na etapa que pasou por Xinzo, protagonizou unha das escapadas do día.
O ciclista limiao demostrou a súa polivalencia, ademais da súa capacidade de resistencia. Aos seus 20 anos, con experiencia xa nunha Volta España, vaise perfilando como un corredor de fondo, con capacidade para competir en voltas por etapas e fiabilidade en todos os terreos.
O Gran Camiño pecha cun gañador ilustre, un Valverde no ano da súa retirada (cumprirá 42 anos en abril) e boas críticas á organización entre os equipos que competiron. A carreira, que antes da súa disputa Canal definiu como unha clásica por etapas, ten opción de consolidarse no calendario internacional.
Para Canal, despois da súa estrea en Omán, a competición en casa era o primeiro fito da tempada, a da súa estrea co Euskaltel Euskadi. Termina cun notábel na etapa final e boa nota na etapa ourensá do sábado, onde tratou de buscar protagonismo nunha escapada na primeira metade da carreira.