NOTICIAS A LIMIA | Rairiz recibe 30.000 euros e Os Blancos, 15.000 da Deputación
“Os convenios como os que vimos de asinar son moi importantes para os pequenos concellos, pois grazas a esta colaboración podemos asumir iniciativas como, no noso caso, dotar de beirrarúas a Sabariz”, dixo esta mañá Asunción Morgade, alcaldesa de Rairiz de Veiga, despois de participar no acto protocolario de sinatura dun convenio de 30.000 euros coa Deputación provincial, en Ourense.
Rairiz foi un dos concellos, xunto a Allariz, A Rúa, Esgos, Lobios, Manzaneda, Os Blancos, Parada de Sil, Piñor e Ramirás que asinaron convenios este xoves no Centro Cultural Marcos Valcárcel, en presencia de Xosé Manuel Baltar, presidente do organismo provincial.
José Manuel Castro, alcalde dos Blancos, concretou unha axuda de 15.000 euros para a rehabilitación dun lavadoiro. Os case 445.000 euros que recollen os convenios, sinalou o presidente provincial, segundo a nota de prensa: “van destinados a obras necesarias que de modo lexítimo piden os gobernos democráticos destas entidades locais".
Allariz e Esgos recibiron as maiores partidas. No caso de Allariz, 50.000 euros para melloras na Casa do Concello. Para Esgos, 48.000 euros para unha nova biblioteca municipal e aula de infantil.