NOTICIAS A LIMIA | O PSOE comprométese a darlle a Ourense “o futuro que merece”
O PSdeG-PSOE de Ourense arrancou onte sábado o curso político coa reunión da Comisión Executiva Provincial en Barbadás. “Os e as socialistas fíxanse como obxectivo desbloquear a provincia, rematar con anos de desleixo e abandono e propiciar o cambio para que Ourense teña o futuro que merece”, indica o comunicado posterior á xuntanza.
Barbadás é “un lugar no que hai esperanza, vida e futuro e no que o PSOE demostrou que é capaz de mudar o sino dun municipio que durante anos estivo sumido en dinámicas nada positivas da man do Partido Popular”, manifestan os socialistas.
Na reunión participaron, entre outros, o alcalde de Barbadás e secretario de economía da Executiva Provincial, Xosé Carlos Valcárcel Doval, e o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino.
Rodríguez Villarino subliñou que o PSOE, desde o Goberno, “está facendo a nivel de Estado un dos maiores investimentos na provincia”. Nas próximas eleccións, os socialistas aspiran a “acadar a alcaldía da capital e manter e incrementar as alcaldías que hai no ámbito rural”.
O líder dos socialistas ourensáns opinou que Ourense “está afastada de todas as posibilidade de desenvolvemento, tras anos dun goberno provincial que ten demostrado a súa incapacidade de mudar as cousas”. Mais tamén quixo mandar unha mensaxe de “esperanza”. E asegurou que o PSdeG-PSOE de Ourense “conta con persoas competentes e con capacidade para traballar”.