O PSdeG-PSOE de Ourense celebrou onte a primeira xuntanza provincial do socialismo ourensán ‘ConMemora’, que alude ás orixes do socialismo en Ourense, e que se celebrou na Peroxa, baixo o lema Olladas de futuro en tempos complexos, coa participación do do secretario xeral do PsdeG, Valentín González Formoso, e do secretario provincial do PsdeG-PSOE, Rafa Villarino.
Durante o acto entregáronse os premios ConMemora. O premio ao compromiso político, que recaeu no histórico militante socialista e fundador da agrupación socialista na cidade de Ourense, Xosé Rivera Rodríguez. O premio á solidariedade recaeu nos concellos de Trives e Ribadavia, cun premio para cada un dos concellos pola súa labor e traballo cos refuxiados de Ucraína. O premio á igualdade outorgouse ao soncello de Ramirás, polo seu traballo neste senso. O premio á sustentabilidade tocoulle ao Concello de Amoeiro e por último o premio á cooperación internacional outorgóuselle aos concellos de Chaves e Verín.
O espírito de colaboración entre os socialistas dos dous lados da raia presidiu o encontro, no que tamén estiveron presentes os alcaldes de Montalegre, Orlando Alves; Vilanova de Cerveira, Rui Teixeira; e Camiña, Miguel Alves. Entre os representantes socialistas das comarcas limiás, participaron entre outras, Elvira Lama, alcaldesa de Xinzo; Aquilino Valencia, alcalde de Calvos de Randín, e Ramón Alonso, alcalde de Entrimo.
Aproveitando a primeira xuntanza provincial do socialismo ourensán, asinouse un acordo no que se formaliza o compromiso de ambos territorios, aprobándose a creación dunha comisión mixta de traballo que se reunirá con periodicidade semestral, alternando sedes en Portugal e España.
Desde o PSdeG-PSOE de Ourense destacan que Galicia e o norte de Portugal “constitúen un territorio único, singularmente, construído con base en profundas relacións históricas de veciñanza e de intercambio social, cultural e económico, que actualmente configura unha Eurorrexión en busca do seu pleno recoñecemento político e institucional na Comunidade Europea”. Destacan tamén que “é obxectivo das mulleres e homes socialistas de ambos territorios substituír as fronteiras por lazos de unión e convivencia que axuden a construír un imaxinario colectivo e un espazo común, próspero e plural”.
Unha unión que segundo destacan os socialistas “non debe limitarse aos 24 municipios que lindan entre ambos países, 17 en Ourense e 7 de Portugal, se non que deberá abranguer toda a provincia de Ourense e os catro distritos do norte portugués, porque consideramos que ambos territorios comparten problemas e oportunidades de desenvolvemento”.
Inicialmente, serán parte desta comisión as alcaldías socialistas que estreman entre ambos países, así como a representación do PS nos distritos de Viana do Castelo, Braga, Vila Real e Bragança e en calquera lugar que este partido considere adecuado, e do PSdeG-PSOE en Galicia e Ourense, e comprometese a impulsar políticas de desenvolvemento mutuo óptimas, indican os socialistas ourensáns nun comunicado de prensa.
Os ámbitos nos que se pretende actuar son Infraestruturas de conexión e transporte internacional; reto demográfico, igualdade e políticas sociais; turismo e termalismo; cultura e patrimonio; sustentabilidade medioambiental, aproveitamentos enerxéticos, protección e promoción de recursos naturais; agricultura, pesca e gandería; saúde; educación, formación e investigación; comercio; industria e desenvolvemento; dixitalización; dereitos e liberdades, e emigración e inmigración.