“Esperemos que pronto”, comprométese a secretaria xeral de Igualdade diante da alcaldesa

NOTICIAS A LIMIA | Porqueira aspira a contar co segundo CIM da comarca

Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade, e Susana Vázquez, alcaldesa de Porqueira. | FOTO: Noelia Caseiro

DESPOIS DO 8 DE MARZO

“Esperemos que pronto Porqueira poida contar cun Centro de Información á Muller, que é unha teima da propia alcaldesa”, dixo Susana López Abella, a secretaria xeral de Igualdade, ao remate dun acto da Escola Rural de Saúde de A Limia o pasado mércores en Porqueira.

“Somos un concello feminista, e aspiramos a seguir mellorando nese ámbito, por iso aproveito a presencia da secretaria xeral de Igualdade para lle pedir publicamente que Porqueira poida contar cun CIM. Sería moi importante para todas nós”, comentara minutos antes Susana Vázquez, a alcaldesa de Porqueira, durante a presentación da exposición Mulleres símbolo do rural que permanecerá aberta na Forxa até finais de mes. 

“Os CIM son un recurso específico para traballar, entre outras cousas, contra esa violencia machista que permanece agochada no rural. Temos 84 en todo o país, un deles en Xinzo, e dotados cunha profesional xurídica e cunha psicóloga, os dous postos imprescindíbeis que ten que ter un Centro de Información á Muller”, dixo López Abella. 

Precisamente onte, 17 de marzo, a Xunta abriu a convocatoria de axudas para financiar o funcionamento dos CIM, cun orzamento de 4,3 millóns de euros. “Temos que traballar polo impulso demográfico e para que as aldeas sexan unha opción de vida. E xa o estamos a facer a través das axudas onde priman os criterios de poboamento”, explicou o mércores en Porqueira a secretaria xeral.

López Abella tamén avanzou que está en marcha o Estatuto das mulleres rurais, e que a normativa incluirá, por vez primeira, uns requisitos mínimos de formación en igualdade. Tamén se referiu ao Plan Emprega Muller, de apoio á contratación e á formación, con medidas específicas para o rural.