NOTICIAS A LIMIA | Querérmonos e re-educarnos
8 DE MARZO
A xornada do Día Internacional da Muller comezou en Xinzo vén cedo este martes coa lectura dunha declaración institucional por parte da alcaldesa na praza Maior. Elvira Lama estivo acompañada por tres concelleiros e o director do CIM. Non houbo concentración nin manifestación organizada por sindicato ningún nin polo movemento feminista galego, ausente na comarca. Houbo actividades escolares dedicadas a celebrar a data. E tamén houbo, pola tarde, un encontro de mulleres na tenda-café Ágora, que aspira a ser lugar de reunión e activismo feminista.
Ás dez, por causa da axenda política local na que hoxe estaba anotada unha viaxe á Compostela, á Consellería de Educación e Cultura, deuse lectura na praza a unha declaración redactada pola Fegamp (Federación Galega de Municipios e Provincias). Acompañaron á alcaldesa, os concelleiros Ramón Gómez (AXIL), Antonio Fernández (PP) e Alberto Martínez (PSOE).
"A superación da crise, económica e social que vén de socavar os alicerces do mundo ten que pór o foco na figura da muller", arrancou a lectura Elvira Lama diante de dúas ducias de veciñas e veciños. "A valía e a dignidade da muller son incuestionábeis, e non poden continuar baixo ningún pretexto ameazadas", protesta a declaración.
"É o momento de forxar xeracións de igualdade real e intrínseca", sostivo a alcaldesa. Despois do discurso, a xente marchou e quedou a carpa instalada polo CIM, que durante toda a mañá, malia o frío, foi recibindo un goteo de visitas.
Na carpa, José Luis Saburido, director do CIM, cunha cazadora lila, a mesma cor do cartel máis grande na mesa: Abraza a igualdade. Saborido leva desde 2004 traballando no CIM e di que as cousas mudaron moito e para mellor. Cando menos, na cuestión máis grave: a violencia de xénero.
Na vila conviven realidades sociais e culturais distintas, "a violencia ten casuísticas variadas". No rural, o principal problema segue a ser "non andar na boca da xente, e por iso moitas mulleres calan".
Sinala Saburido que o maltrato, que antes mesmo chegaba a ser público, agora sobrevive agochado. O maltrato encuberto é hoxe a principal preocupación de quen loitan para frear a violencia que se exerce contra as mulleres. "O cambio", di Saburido, "e que antes o maltrato era socialmente consentido e hoxe está mal visto. As mulleres teñen máis ferramentas para se defender, mais os agresores tamén cambiaron as formas de agredir".
Xinzo de Limia e a comarca contan con recursos e bagaxe nesta loita, asegura o director do CIM. Hai 11 casos baixo vixilancia, lembra. Falta unha casa de acollida, apunta. Na vila conviven realidades sociais e culturais distintas, "a violencia ten casuísticas variadas". No rural, o principal problema segue a ser "non andar na boca da xente, e por iso moitas mulleres calan".
En Vilar de Barrio, os escolares teñen hoxe actividade de sensibilización. Veñen alumnas e alumnos do veciño concello de Sarreaus. O Concello instalou nas rúas uns paneis con versos de cancións das Tanxugueiras, da Banda da Loba, das Punkiereteiras. Houbo unha charla e despois un roteiro. "Con esta exposición preténdese capturar historias de vida en forma de cancións e deste xeito poñer en valor o traballo feminino e loitar por facer un camiño cara a igualdade", di o Concello nas súas redes sociais.
Pola tarde, Sonia Trigo abre a tenda-café Ágora a un encontro de mulleres para falar de amor, de sexo, de discriminación, de dereitos... un taller de empoderamento, "aínda que a moita xente o termo lle resulta un pouco agresivo", confesa. É o acto político do día, un xermolo do que pode ser unha acción feminista desde abaixo.
Asisten unha ducia de mulleres. Sonia Trigo rompe o xeo cunha charla sobre sexualidade feminina. "Estoume formando, con asistencia a cursos e procurando asesoramento. É un tema que dá respecto, e hai que tomarse o asunto en serio, con responsabilidade". Despois, desde a Escola de Saúde Rural, ofrecen unha lectura de poemas, e a continuación vén unha charla sobre o amor, en distintas variantes... até que alguén bota en falta "que se fale do amor por nós mesmas".
Ese foi un detonante que activou Lola Rico. Antes, outra das participantes advertiu da necesidade de "re-educarnos", de "sacarnos de enriba formas de ver o mundo que temos interiorizadas". Mulleres maiores e outras máis mozas compartiron ese momento. "Isto ten que servir para reflexionar; as solucións son complexas, pero podemos empezar por reflexionar e entender", insistiu Lola Rico. Un xeito de se querer. "Un primeiro paso", rematou a anfitrioa. O Ágora promete máis e con continuidade. Non esperaran un ano. Para o próximo día 8 xa andan preparando algo.
Mañá, desde O Viso volverán aos colexios. A Escola de Saúde Rural ten charla esta semana. O director do CIM falará o xoves pola mañá na Casa da Cultura. O 8M continúa. Hai unha revolución en marcha, si, que impregna os discursos oficiais, a escola, e vai chegando aos cafés, como este.