Os cazadores do coto de caza de Rairiz anunciaron a convocatoria dunha manifestación en resposta a unha serie de problemas sufridos nos últimos meses. Segundo manifestan, un veciño do concello está a dificultar o seu desfrute da caza e do monte mediante agresións, insultos e coaccións.
A mobilización está prevista para os días 22 e 23 de febreiro ás 12:00 horas diante da praza do Concello. Os cazadores sinalan que esta situación non só os afecta a eles, senón tamén a outros veciños de Rairiz, que, segundo afirman, teñen sufrido situacións similares, mesmo dentro das súas propias vivendas.
Por este motivo, fan un chamamento a toda a veciñanza para que participe na manifestación, reivindicando a necesidade de seguridade tanto para a práctica da caza como para a convivencia en xeral no concello. A través desta protesta, esixen respecto e denuncian que os dereitos dos veciños están a ser alterados pola actitude dun único individuo.