A Romaría da Saínza, que terá lugar os días 20, 21, 22 e 24 de setembro, contará este ano cun novo festexo que se suma aos xa tradicionais: a celebración da primeira edición do Festival Soundscape. Así o anunciaba a alcaldesa de Rairiz da Veiga, Asunción Morgade, quen afirma que o novo evento musical "quere ser un chisco á nosa xuventude, que non contaba, en edicións anteriores, cunha actividade axeitada ás súas inquedanzas".
Na presentación dos actos da Romería da Saínza neste 2024, Asunción Morgada estivo acompañada por Ana Míguez e Julio Domínguez, "dous dos meus máis fieis colaboradores na organización desta romaría e sen os que non teriamos o éxito de público que ano tras ano se acada", subliñaba a rexedora. Xunto a eles, tamén estaban o capitán do bando cristián, Breogán Prieto, e o mouro -e organizador do combate- José Antonio Bretaña.
Non hai mellor xeito de vivila que desfrutar do entorno natural que nos ofrece a Carballa da Rocha e do espíritu de convivencia que sempre a marcou
O enfrontamento entre mouros e cristiáns na Saínza é unha das máis senlleiras celebracións da Limia e, como explicaba Asunción Morgade, alcaldesa da Saínza, na presentación desta nova edición: "Como xa vén sendo habitual, A Saínza programa un calendario de festexos para todos os públicos e sensibilidades. Teremos actividades para a cativada, pero tamén oficios relixiosos e, como non, a recreación histórica do combate, o grande reclamo para todos".
A recreación do combate entre mouros e cristiáns terá lugar o domingo 22, ás 12:45 horas, logo da misa solemne no Campo da Batalla e da procesión dende a Igrexa de San Xoán de Rairiz de Veiga ao Castelo da Saínza. A programación da romaría completarase cunha chea de actividades e actuacións musicais, ademais da novidade desta edición: o festival de música Saínza Soundscape, a cargo da discoteca móvil “EME Music” con Carlos Magán.
Morgade facía un convite para asistir e participar na Romaría da Saínza e lembrou que "non hai mellor xeito de vivila que desfrutar do entorno natural que nos ofrece a Carballa da Rocha e do espíritu de convivencia que sempre a marcou".
Programa dos festexos
Venres 20 de setembro
- 17:00h.: xogos infantís no campo da festa, a cargo de Chévere Espectáculos.
- 22:00h.: actuación da Banda de Gaitas de Rairiz de Veiga no Campo da Festa e arredores.
- 00:00h.: I Festival Saínza Soundscape, coa disco móbil “EME Music” con Marcos Magán, no Campo da Festa.
Sábado 21 de setembro
- 19:30h.: procesión da Nosa Sra. da Mercé, dende a Capela de A Saínza ata a Igrexa San Xoán de Rairiz de Veiga.
- 21.30h.: actuación da Orquestra Triunfo, no Campo da Festa.
- 23:45h.: desfile do Exército Cristián dende a Capela de A Saínza ao Campo do Castelo.
- 00:00h.: XVII Edición “Noite Moura: asalto ao Castelo” por parte dos Mouros no Campo de Batalla.
- 00:30h.: verbena coa Orquestra Triunfo no Campo da Festa.
- 02:00h.: actuación da disco móbil A Gramola, no Campo da Festa.
Domingo 22 de setembro
- 11:00h.: descarga de bombas de palenque.
- 11:30h.: actuación da charanga Los Támega no Campo da Festa e arredores.
- 11:30h.: procesión dende a Igrexa San Xoán de Rairiz de Veiga ao Castelo de A Saínza, coa Banda de Gaitas de Rairiz de Veiga.
- 12:00h.: misa solemne no Campo de Batalla.
- 12:45h.: gran combate de Mouros e Cristiáns no Campo de Batalla.
- 14:00h.: sesión vermú coa charanga Los Támega no Campo da Festa.
- 17:00h.: actuación da charanga Los Támega no Campo da Festa.
- 18:30h.: actuación da orquestra Olympus no Campo da Festa.
- 19:30h.: homenaxa a persoas destacadas na Romaría da Saínza, no Campo da Festa.
- 19:45h.: actuación da orquestra Olympus no Campo da Festa.
Martes 24 de setembro
- 12:15h.: procesión da Nosa Sra. da Mercé dende a Capela de A Saínza.
- 18:00h.: actuación do Trío Marfil no Campo da Festa.