jueves. 21.11.2024

Nun comunicado de prensa difundido esta tarde, Ecoloxistas en Acción Ourense alerta de que “séguense usando os terreos das areeiras de Sandiás como vertedoiros ilegais de lixo, a pesar da existencia de puntos limpos para recoller os entullos”. Ecoloxistas en Acción insta ao concello de Sandiás a adoptar medidas para corrixir esta situación e protexer esta paraxe natural. 


A organización ecoloxistas sostén que boa parte destas zonas están protexidas por ser Zona de Especial Protección para as Aves e que se estaría infrinxindo a Lei 4/1989, do 27 de marzo, de Conservación dos Espazos Naturais e da Flora e Fauna Silvestres.


“O uso de terreos das areeiras de Sandiás como vertedoiro de lixo segue sendo unha realidade, a pesar da apertura dos puntos limpos nos concellos de Vilar de Santos e Xinzo de Limia”, afirman os ecoloxistas. E advirten de que o que eran pequenos cúmulos de lixo, “convertéronse en grandes montóns de materiais procedentes de obras”.


O Concello de Sandiás, lembra a organización medioambiental, anunciou recentemente que recuperaría estes espazos. As ecoloxistas din que “un destino ornitolóxico atractivo, como tratan de promocionar tanto o Concello como a Xunta de Galicia, é incompatible cun vertedoiro de lixo”.


Ecoloxistas en Acción informa que se dirixiu a Felipe Traveso, alcalde de Sandiás, para informalo destes vertedoiros. “É necesario que se investigue a procedencia das verteduras e se sancione aos infractores. Tamén se debería sinalizar a zona concienciando da necesidade de preservar este espazo natural protexido”, apuntan desde a organización ecoloxista.

NOTICIAS A LIMIA | Denuncian vertedoiros irregulares nas areeiras de Sandiás