martes. 03.12.2024

O proxecto de Greenalia para instalar o polígono eólico Lamas de Feás na serra entre Baltar, Os Blancos e Calvos de Randín incorpora unha novidade relevante: hai dúas aldeas que quedan dentro do perímetro do parque industrial, segundo contempla a documentación en fase de exposición pública.

As aldeas afectadas son Pintás e O Silvoso, no termo municipal de Calvos de Randín. A seguinte en aparecer dentro dun perímetro industrial, en canto salga a luz o proxecto Lamas II, pode ser Feás. E se non entra, quedará entre dous polígonos, con muíños a norte e a sur.

A veciñanza de Feás xa se empezou a mover. En Pintás non. Ninguén sabe nada. Nin a Xunta nin a empresa nin o concello (polo menos até onte, luns, cando se celebrou o pleno en Calvos) informaron de nada ás veciñas e aos veciños. No Silvoso, até o verán, só vive unha persoa, e a maioría das noites pásaas noutra aldea.

Pintás está a só 5 quilómetros de Calvos, ten comunidade de montes, hai 14 casas habitadas. Pero ninguén sabe nada dos aeroxeradores nin moito menos do debuxo no mapa da páxina 3 do anexo de mapas no Estudo de Impacto Ambiental, que leva o selo de Greenalia e a sinatura do enxeñeiro Sergio Quintanilla Murillas e está datado en Ourense en febreiro do 2021, hai catorce meses... Mais en Pintás ninguén sabe nada.

Na parte alta hai un home traballando nunha pequena finca sen cultivar detrás dun casa de pedra ben coidada. “Estou en Holanda, veño aquí un mes cada ano. Non sei nada. Pregunte nesa outra casa, onde a maquinaria”

Na outra casa non hai ninguén. Un pouco máis adiante, na entrada, unha muller informa que o da maquinaria é o pedáneo, Albino, pero esta mañá parece que non está. A muller sae o patio e pregunta porque tampouco ten noticia ningunha nin dos eólicos nin de que un mapa puxese Pintás dentro dun polígono.

Julio ten 88 anos, a súa nai era de Vilar e o pai de Tourem. Viñeron vivir a Pintás cando el era un neno. Pintás está nunha cuíña sobre unha veiga fértil regada por un río que vai cara a Forxa e desemboca no Limia en Ponteliñares. Hai anos quixeron abrir aquí unha mina e os veciños opuxéronse.

Pintás. Eólicos. Pleno en Calvos. 25A. Julio. José. Cartel caído en Calvos (5) (FILEminimizer)
Julio, que pronto cumprirá 89 anos, en Pintás, este luns pola mañá.

Julio limpa unha horta cun fouciño. Tampouco sabe nada do polígono eólico nin de que as súas leiras caen dentro do perímetro polo que poxa Greenalia. Ten o fillo fóra. “Se ten que vir o que veña, virá. Esperemos que sexa para ben”, opina. 

Os altofalantes da capela, programados, dan as doce. O adro da capela, metida entre casas, está sen rozar. Pasa unha muller por fóra do muro. Descúlpase. Ela vén atender unha veciña que está soa na casa. “Tampouco saberá nada, xa vai moi maior”, informa. 

Na rúa vella do que algún día foi o centro, un camión cisterna descarga combustíbel para un depósito. O veciño que o recibe di que hai que preguntar ao pedáneo, que el saberá algo. “Pero se poñen os eólicos, algo de ben farán, algo deixarán, non?”. A xente en Pintás só ten preguntas.

Pintás. Eólicos. Pleno en Calvos. 25A. Julio. José. Cartel caído en Calvos (6) (FILEminimizer)
Pintás, en Calvos de Randín, unha das dúas aldeas que fican dentro da perimetral do polígono eólico Lamas de Feás.

 

Desde a parte baixa, por onde a veiga, sobe un home en bicicleta. Chámase José Valencia, ten un rabaño dunhas 40 ovellas, está a piques de se xubilar. El, conta, foi un dos que parou a mina. E xa escoitara “hai anos” falar do parque eólico. O primeiro proxecto tiña data de 2012. No pleno deste luns o alcalde aventurou que quizá fose iso, que como o proxecto xa tiña avanzado algúns trámites, igual por iso a Xunta o considera agora prioritario e urxente.

José Valencia é ademais secretario da comunidade de montes de Pintás. “Os montes non chegan até a Aguioncha. Quedan máis abaixo. Pero non, nin a empresa nin ninguén falou connosco disto”, di mentres busca a referencia do monte, uns penedos que se vén tanto desde a parte do Salas como desde a do Limia. “Se os poñen por alí, iso non está a máis de tres ou catro quilómetros da aldea”, advirte. José segue o seu camiño, vai recuperar o móbil que esqueceu onte nunha finca. E vai chamar “ao sindicato, a Xinzo, para que me expliquen que é o que hai”.

Poligonal e aldeas dentro da poligonal PINTÁS e O SILVOSO
Poligonal e aldeas dentro da poligonal: arriba á esquerda. Imaxe do EIA do proxecto.

Pintás aparece no Estudo de Impacto Ambiental que leva o selo de Greenalia. Aparece nomeada dúas fontes, e tamén a capela, o cruceiro, e a festa da Ascensión o 15 de agosto. Pintás aparece tamén na memoria xustificativa do “interese autonómico” do proxecto. As mesmas cousas e un par de notas. Unha di que é unha das aldeas desde onde se observarán os 7 aeroxeradores do parque. Outra di que desde alí se fixo unha observación “a 2,5 quilómetros do parque”.

E enganosa, Pintás está dentro do polígono industrial. 

Tamén O Silvoso, mais alí este luns, antes de que o asunto chegue ao pleno, non hai ninguén. 

Parques en tramitación na zona. con dúas áreas de aproveitamento eólico
Parques en tramitación na zona. En verde, Lamas II. En azul, Serra de Gomariz. Imaxe do EIA do proxecto.

NOTICIAS A LIMIA | En Pintás ninguén sabe nada