jueves. 21.11.2024

Julio Alonso ten 90 anos. O cedro que está as súas costas ten os mesmos anos. Nacín no 32, e ese mesmo ano o mestre da aldea, Luís, que era do Carballiño, plantou esta árbore. A min Luís non me deu clase. No 36 tivo que fuxir. Avisárono de que viñan a por el e escapou. Julio Alonso apóiase nun caxato para subir até unha leira na parte alta de Feás (Calvos de Randín). Apunta co caxato en dirección este, cara a Pena da Loba, entre a Aguioncha e o Penedo das Fatigas, unha serra que separa o Val do Limia do Val do Salas, Reserva da Biosfera.

Desde a punta do caxato de Julio até o primeiro dos aeroxeradores do polígono eólico que Greenalia presentou onte no DOG hai apenas un quilómetro (1.009 metros, segundo o documento que presenta o Colegio de Ingenieros de Minas para xustificar o interese autonómico do proxecto). O presidente da comunidade de montes non está polas mañás, traballa en Xinzo. En Feás, conta Julio, a xente confía no que digan os comuneiros e o alcalde, Aquilino Valencia (PSOE). Julio non sabe que é Greenalia. Nin canto miden os muíños nin se chegará ou non o ruído.

Nas Maus (Baltar) -o topónimo que utiliza Greenalia, ou Meaus, como din as veciñas da contorna- si está o presidente dos comuneiros esta mañá. Chámase Celso e baixa pola aldea cun carretilla cargada de leña. Párase e atende ao Diario do Limia. Non quero fotos. Estou con conxestión, avisa. “Aquí veu o alcalde [José Antonio Feijoo, PP], pero da empresa non sabemos nada. Non negociamos. Lévao todo o da asesoría, que está en Xinzo”

Celso admite que os veciños están preocupados “polo ruído” que poidan producir os aeroxeradores. “Por iso non os queren”, asegura. Sinala o norte, cara a serra, por onde baixan os regatos do Mosterior e de Forzaos, afluentes do Salas, que aparecen sinalados no documento da empresa. “Alí nacen augas. E o monte está en uso. Temos piñeiros de 70 anos que aínda se van a cortar agora”, di o presidente da comunidade de montes afectada e insiste en que coa empresa non negociaron.

En Maus, outro veciño, comuneiro tamén, confesa que teñen moi pouca información, “todo está moi escuro”. Mais o alcalde, José Antonio Feijoo, que hai apenas tres meses tivo que dar un xiro na súa postura sobre a instalación de eólicos en San Martiño dos Peros e da Liña de Alta Tensión do Larouco (ambos proxectos seguen en marcha, pero o Concello de Baltar alegou contra eles), comenta que “persoalmente preferiría ter os montes limpos, tal e como son, pero as circunstancias que se presentan agora son outras e tendo en conta da importancia de contar con enerxías limpas, pois paréceme razoábel que se busquen estas instalacións”.


Persoalmente preferiría ter os montes limpos, tal e como son, pero as circunstancias que se presentan agora son outras e tendo en conta da importancia de contar con enerxías limpas, pois paréceme razoábel que se busquen estas instalacións” (J.A. Feijoo, alcalde de Baltar)

José Antonio Feijoo lembra que o goberno local apoiará o que decidan os comuneiros. Di que ten “bastante descoñecemento dese parque de Lamas de Feás, apenas se nos dixo nunha ocasión que se estaba deseñando, me parece que é de Greenalia e que a nós só nos afecta cun aeroxerador”. En calquera caso, apunta que xa falou cos veciños “por se algún deles quería presentar alegacións”, e que “toda a documentación está no Concello á súa disposición”. Feijoo di que neste caso o Concello non alegará contra o proxecto.


Tampouco alegará o Concello de Calvos de Randín. “Gústame ser claro e directo. Que importa neste caso a opinión que poidamos ter nós? A realidade é a que conta. É un proxecto declarado pola Xunta de utilidade pública para que vaia para adiante... Que importa o que nos opinemos? Non vou presentar alegacións. Se os veciños que están afectados non presentan alegacións, quen é o alcalde para ir en contra de algo que eles queren? Outra cousa sería que non estiveran de acordo, entón sopesariámolo desde o Concello”, explica Aquilino Valencia (PSOE), o alcalde de Calvos de Randín. 

Coas comunidades aínda non negociou a empresa, outra cousa é que estean dispostas, comenta Valencia. En Calvos son tres as comunidades implicadas: as de Feás, Serois e Lobás.

A realidade é a que conta. É un proxecto declarado pola Xunta de utilidade pública para que vaia para adiante... Que importa o que nos opinemos? Non vou presentar alegacións. Se os veciños que están afectados non presentan alegacións, quen é o alcalde para ir en contra de algo que eles queren? Outra cousa sería que non estiveran de acordo, entón sopesariámolo desde o Concello”, (Aquilino Valencia, alcalde de Calvos de Randín).

Todo o termo municipal de Calvos de Randín está declarado Reserva da Biosfera. Unha campaña a nivel estatal, que en Galicia impulsou o Sindicato Labrego Galego, levou aos concellos con esta figura de protección a petición da declaración dunha moratoria eólica nas reservas. O concello de Entrimo, cun alcalde tamén socialista, aprobou esa declaración o mes pasado. En Calvos, Aquilino Valencia di que non ten constancia de petición ningunha nese sentido.

J M Castro. Alcalde Os Blancos (2)
José Manuel Castro, alcalde dos Blancos, onte na praza dos Blancos.

No Concello dos Blancos hai dúas comunidades afectadas: as de Fontearcada e Mosteiro. José Manuel Castro (PP) é dos tres alcaldes o máis explícito: “Eu estou a favor. Teño unha valoración positiva dos eólicos. Unha enerxía limpa e unha importante fonte de recursos. Estamos a falar dun proxecto de 27,5 millóns de euros. A nós tócannos dúas torres, 10 MW. Poñen 33 MW en total, mágoa que non fosen máis”.

Os aeroxeradores máis próximos están a menos de 2 quilómetros dos núcleos de Fontearcada e Covas. Castro descoñece se Greenalia xa tratou cos comuneiros. “Co Concello tampouco”, di. “Pero os alcaldes non estivemos parados. Vai xa para un ano que nos xuntamos moitos alcaldes do sur da provincia para decidir os prezos, porque non podía ser que nun sitio negociasen unha cousa e noutro, outra. Agora andan pagando de media uns 4.000 euros por megavatio ao ano”

Eu estou a favor. Teño unha valoración positiva dos eólicos. Unha enerxía limpa e unha importante fonte de recursos. Estamos a falar dun proxecto de 27,5 millóns de euros. A nós tócanos dúas torres, 10 MW. Poñen 33 MW en total, mágoa que non fosen máis” (J. M. Castro, alcalde dos Blancos)

O proxecto de Greenalia saíu a exposición pública o 24 de marzo. No taboleiro dos concellos está desde finais do mes pasado. Mais non foi publicado até onte no DOG. O período de alegacións, de 30 días, empeza a contar desde hoxe. 

Greenalia aparece agora como titular dun proxecto que en xuño de 2012 presentou Kaekias Eólica, coa mesma potencia e catro aeroxeradores máis. “Naquel proxecto caían nos Blancos cinco máquinas e 15 MW, agora temos dúas cun total de 10MW. Os aeroxeradores son máis altos”, constata o alcalde.

As máquinas son de 200 metros (127,5 até o rotor, con pas de 145 metros de diámetro). Son os máis alto proxectados até o momento na comarca da Limia. “Para min ese é o principal impacto, o paisaxístico. Porque os outros impactos son pequenos”, considera José Manuel Castro. 

Mapa Eólicos e Feás
Mapa do P.E. Lamas de Feás (círculos negros: aeros e subestación), no Rexistro Eólico de Galicia.

Na mesma área de aproveitamento eólico hai dous proxectos en tramitación: o Polígono Eólico Lamas II (tres máquinas máis) e o de Pico da Corvaceira. Greenalia é ademais a promotora doutro parque moi próximo, o do Monte Grande en Bande (12 máquinas). No proxecto de Lamas de Feás non contempla a liña de evacuación, circunstancia que os colectivos ecoloxistas denuncian habitualmente como unha estratexia de fragmentación.

Mais a liña de evacuación asociada ao P.E. Lamas de Feás si aparece noutro documento recente: no proxecto de execución do P.E. Monte da Neve, entre Celanova e Verea. Esa liña comeza en Feás e percorre o suroeste de Ourense até alcanzar a estación do encoro de Frieira, no Miño. Sería a arteria que uniría catro áreas de aproveitamento contempladas no Plan Sectorial, nunha liña que pasa por Baltar, Os Blancos, Calvos, Porqueira, Bande, Verea, Celanova, Quintela e Padrenda. 

Os aeroxeradores máis altos dos proxectados nestas áreas serán os de Feás. Ao contrario que ao alcalde dos Blancos, á promotora e ao Colegio Oficial de Ingenieros de Minas del Noroeste, que certifica o interese autonómico do proxecto, este impacto preocúpalle pouco. A razón está na páxina 362 dun dos documentos feitos públicos onte.

PE Lamas de Feas (1)
Montes das Maus, en Baltar, coa plantación de piñeiros.

“Al tratarse de un elemento ya existente en el entorno, la presencia de los aerogeneradores no supondrá una alteración significativa en un paisaje en el que estos elementos ya forman parte del mismo desde hace muchos años y que simbolizan un cambio social en la generación de la energía hacia un modelo basado en el aprovechamiento de las energías renovables”.

O cedro e Julio, que teñen 90 anos e viven en Feás, apenas a un quilómetro do lugar onde chantarán un dos xigantes, xa non forman parte da paisaxe nin moito menos simbolizan nada nun territorio que está sendo vendido un anaco detrás doutro en nome xa non do progreso, como pasou cos encoros, senón da supervivencia dun “modelo” no que sobran aldeas, vellos, lobos e outras especies.

NOTICIAS A LIMIA | Greenalia destapa as súas cartas na Limia