jueves. 21.11.2024

Corenta días despois, Iberdrola aínda non volveu abrir a boca. En Baltar, comuneiros, veciñanza e políticos seguen á espera dunha resposta da eléctrica, a segunda empresa do Ibex-35 por capitalización bursátil (a primeira é Inditex). A liña de alta tensión que atravesa a faldra norte do Larouco continúa sendo unha ameaza. Agora, ademais, os practicantes de parapente, quen animaron a mobilización social de xaneiro, veñen de descubrir outra incompatibilidade.

Responsábeis do Club Parapente Baltar, acompañados por membros da Federación Galega de Aeronáutica, mantiveron a mediados de febreiro unha xuntanza co xefe territorial de Deportes da Xunta de Galicia. Propuxéronlle unha zona de protección para a práctica do parapente no Larouco. Nesa área non teñen cabida nin liñas de alta tensión nin aeroxeradores.


Dous días antes daquela reunión entre Iberdrola e a veciñanza o pasado 20 de xaneiro na Casa da Cultura de Baltar, asesores dos comuneiros de Baltar descubriron que dous proxectos de polígonos eólicos, o de Mistral e o de Tramontana, nas cimas entre o Larouco e o Xurés, tiñan cambiado de enclave e foran movidos cara o leste.


A plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova denunciou aquela modificación no Rexistro Eólico de Galicia como a proba de que un dos proxectos (Tramontana) sería unha ampliación de facto do P.E. do Larouco, que ocupa toda a raia desde Lucenza (Cualedro) até Baltar. De tal xeito que aos 49 aeroxeradores do polígono do Larouco, de 81 metros de altura, se engadirían oito máis sobre a parte máis elevada da serra, con 180,5 metros cada un. 


Alén das afeccións ao medio, en especial a turbeira da chaira do Larouco, e á paisaxe e a economía, os novos aeroxeradores, a menos de dous quilómetros dos xa operativos, situaríanse sobre a zona de despegue norte do parapente: a pouco máis dun quilómetro ás costas do despegue, o lugar onde comezou a andaina reivindicativa a finais de xaneiro.


“O tamaño e a posición dos aeroxeradores do proxecto Tramontana son incompatíbeis coa práctica do parapente nesta área entre Baltar e Montalegre, que xa temos dito que é única na Península”, explica Quique Cuquejo, un dos responsábeis do club que se entrevistou co representante da Xunta.


“Xa non é so a liña de alta tensión que cortaría a zona de aterraxe, é que os muíños están no perímetro onde as alas empezan a tomar altura”, di Cuquejo. “Podemos ter a 150 pilotos manobrando na procura das correntes, e en canto algún pilla a boa, é como se todos subisen no mesmo ascensor. Eses son os momentos máis delicados do voo, e en ocasións, os muíños poderían ficar xusto debaixo dos pilotos, un risco que non podemos correr”.

Xa non é so a liña de alta tensión que cortaría a zona de aterraxe, é que os muíños están no perímetro onde as alas empezan a tomar altura”, di Cuquejo.

Polo momento, o Club de Parapente e os seus socios portugueses de Montalegre, así como as federacións dun e doutro lado da raia, manteñen o calendario de probas no Larouco para os próximos meses. Así, a primeira fin de semana de xullo está programado o Laroucofest de voo libre. E durante os días seguintes, até o sábado 9, a Liga española e o Campionato portugués. En agosto, entre o 12 e o 14, o Campionato Ibérico de Precisión.

Distancia aeroxerador PE Larouco a antena 1,5 quilómetros
Distancia da antena de medición (xa retirada) do proxecto Tramontana ao P.E. Larouco: 1,5 quilómetros.

Todas estas competicións poderán celebrarse este ano, pero serían inviábeis se se constrúe a LAT do Larouco (entre o polígono proxectado en San Martiño do Peros e a subestación de Iberdrola no P.E. Larouco) ou en canto se levanten os aeroxeradores de máis de 180 metros entre os lugares do Coto Farelo e A Veiga Grande.

“Se ese proxecto vai adiante, o campo de parapente do Larouco quedaría anulado tecnicamente. As federacións non van consentir voos con ese risco presente, igual que non os consentirían cun tendido de cables de alta tensión nas zonas de aterraxe”, insisten desde o club de parapente, e din que nisto van da man cos afeccionados de Montalegre, “porque a interdependencia é total, compartimos o mesmo espazo”.

PLANO ZONA
Novos proxectos eólicos (polígonos) con afeccións a Baltar. En verde, aeros e subestación do P.E. San Martiño. Con liñas, as áreas de aproveitamento eólicco do Plan Sectorial. Na máis oriental, xa operativos os 49 aeros de Iberdrola no P.E. Larouco, do que Tramontana sería unha continuidade.


Até hoxe, o campo de parapente de Baltar é “un sitio seguro e moi apetecíbel”, reitera Cuquejo, “non só polas zonas de aterraxe, cunha pendente suave e limpas de vexetación, senón tamén porque se pode despegar en calquera dirección, veña onde veña o vento... e queremos que siga sendo así”.


Ademais do P.E. Larouco (49 aeroxeradores en funcionamento, 81 metros), nos territorios de Baltar, Os Blancos e Calvos, como se pode comprobar no mapa (arriba) hai proxectados outros 5 polígonos eólicos. Tres sobre a raia: Tramontana, oito aeroxeradores de 150 metros de altura; Mistral, sete aeroxeradores de 150 metros de altura; e San Martiño (en verde no mapa porque xa está en fase máis avanzada). E dous máis, Lamas de Feás (once de 175 metros) e Lamas II (tres, de 200,5 metros). 

NOTICIAS A LIMIA | Ou parapente ou eólicos: en Baltar xa non collen as dúas cousas