jueves. 21.11.2024

"A xente está enfadada. Temos a sensación de que a empresa e a Xunta actúan de mala fe", di Enrique Cuquejo, vicepresidente do club de parapente, empresario e veciño de Baltar este martes mentres toma un café na terraza do bar O Cepo. Detrás, a ringleira de aeroxeradores que coroan a parte galega do Larouco. Algús veciños detéñense, saúdan e preguntan polas alegacións: "onde as collo?". O rexistro de alegacións contra o proxecto da LAT do Larouco coa que Iberdrola pretende unir o futuro polígono eólico de San Martiño (en trámite) disparouse nos últimos días. O luns eran máis de duascentas as que se contabilizaban entre os rexistros de Baltar e Xinzo. 

Enrique, convertido en portavoz da loita contra a LAT do Larouco despois de ter activado as redes do parapente conseguindo que as federacións galega, portuguesa e española se implicasen, repasa as intervencións dos últimos días en prensa e radio. "Este mediodía [por onte] chamarán da SER, pero a chamada máis importante tívena onte".

O luns, mentres rexistraba un paquete de alegacións no Concello de Baltar, topou ao alcalde, José Antonio Feijoo (PP), que hai unha semana declaraba non saber nada da LAT e esa mañá contoulle a Enrique que acababa de falar con Iberdrola. A empresa, que ten unha sede no Barco de Valdeorras, chamou pouco despois a Enrique. "Dixeron que estaban dispostos a sentar nunha reunión connosco a próxima semana, unha vez que pasase todo este rebumbio. Dixeron tamén que non tiveran en conta o prexuízo que se podía causar ao parapente". En principio, o Concello de Baltar non está convidado a esa xuntanza.

Mais Enrique non se fía. Tampouco moitas das veciñas e veciños de Baltar que hai unha semana nada sabían da LAT, como lle pasaba ao alcalde, nin do proxecto de central eólica en San Martiño (plan que si coñecía José Antonio Feijoo). "Sabemos que cumpren a lei", di Enrique, "pero a xente está enfadada porque a lei permita esta cousas, que as avale". A veciñanza de Baltar móvese. Mesmo hai iniciativas en change.or, como esta: https://www.change.org/p/iberdrola-no-al-tendido-electrico-iberdrola-serra-do-larouco-galicia

Enrique e a veciñanza preparan a súa propia estratexia. "Xa non é só o parapente, queremos protexer todo o Larouco", di o vicepresidente do club. Hai empresas de deporte-aventura, gandeiros e empresarios en xeral que pensan coma el. O Larouco ten outros valores a coidar. De súpeto, como pasou noutras zonas do país, a xente volveu a mirada cara as montañas. E caeu na conta de que a paisaxe, entre outras cousas, tamén importa. 

En principio, o Concello de Baltar (que hai unha semana dicía non saber nada da LAT) non está convidado a esa xuntanza, na que as veciñas queren evidenciar a ameaza global que os eólicos representan para os valores da serra.

"O máximo problema que teñen as empresas é a mobilización social", reflexiona unha portavoz de Stop Eolicos Xurés Celanova, implicada na denuncia dos proxectos -tres centrais eólicas [San Martiño, Mistral e Tramontana] e dúas liñas de alta tensión [Larouco e Val do Salas]- que ameazan as serras do Larouco e do Xurés. "Até agora, a implicación das veciñas destes concellos de Calvos, Baltar e Muíños era pequena. Veremos se isto non produce un efecto de activar esa oposición"

De súpeto, como pasou noutras zonas do país, a xente volveu a mirada cara as montañas. "A xente está enfadada. Temos a sensación de que a empresa e a Xunta actúan de mala fe" (Enrique Cuquejo)

Na mesa de negociación, sen data aínda, Enrique e a xente do parapente de Galiza e Portugal queren levar tamén veciñas, técnicos e, tamén, algún asesor con coñecemento do negocio eólico. De Iberdrola esperan que se comprometa a discutir polo menos a opción de soterrar a liña. Pero exixirán máis.

"Se poñen tres parques a continuación do que xa hai no Larouco, con liña de alta tensión aérea ou sen liña aérea, será o mesmo, porque os técnicos de seguridade das federacións de parapente son moi estritos, e se aprecian riscos, pois non se poderá facer parapente a alto nivel", avisa Enrique Cuquejo.

NOTICIAS A LIMIA | "Xa non é só o parapente, queremos protexer todo o Larouco"