O BNG de Baltar recupera candidatura na localidade, onde Silvia Piñar se puxo á fronte desta iniciativa política para loitar por un cambio no Concello, gobernado polo popular José Antonio Feijóo dende hai máis de 15 anos. "Queremos cambiar o concello todo o que poidamos", destaca Piñar.
Estes días de campaña serviron para que os nacionalistas comprobasen en persoa que "a xente está moi enfadada" pola forma de facer, "ou de non facer", do alcalde. O BNG recuperou a candidatura en Baltar, despois de moitos anos sen ela, para poder traballar polos cambios na localidade. "A nosa intención é cambialo para que veña máis xente porque, se medra, poderemos contar con máis servizos", explica a candidata dos nacionalistas.
Mellorar o coidado das persoas que viven soas ou lograr que a fibra óptica chegue a todas as aldeas do concello, forman parte do seu programa, entre outras cuestións. "Queremos demostrar que se poden facer moitas cousas se hai ilusión e ganas de traballar, nós temos diso", destaca.
Esta lista do BNG en Baltar non foi sinxela de elaborar, pero Piñar conseguiu unir a varios veciños neste proxecto. "Foron moitos días buscando xente e finalmente conseguimos esa lista, sendo todos de aquí", engade. Polo momento, na campaña xa recibiron o agarimo dalgúns veciños, que celebran contar cunha opción política á que votar en Baltar. "Agardamos que a xente entenda que co seu voto, pódense cambiar moitas cousas", remata Piñar.