A primeira hora da mañá deste domingo, o bar O Cepo, en Baltar, estaba de bote en bote. Cazadores vestidos con chaquetas laranxas e pantalón militar anotábanse para unha batida de xabaríns. Enrique Cuquejo conversaba cun dos cazadores. "Xabaríns hai a centos, o que non hai son coellos... non crían; enferman". Cuquejo lidera outra partida, a desarmada. Xente que lle quere o monte e que este domingo madrugou para responder á chamada dos Amigos do Larouco a camiñar polas costas do deus en defensa da terra e dun modo de vida.
Nesa partida, a desarmada, estaba Elvira Lama. Esta muller merece un respecto. É a alcaldesa de Xinzo de Limia, a mesma que se opuxo aos enxeñeiros de Iberdrola hai uns días e hoxe subiu o Larouco co resto da xente. Esta partida ten líderes afoutos dun e doutro lado da raia. Cuquejo practica o parapente. O mesmo que Quim, que veu desde Montalagre. Fernando chegou desde Lucenza coa súa faixa contra o lume, lembrando aquel 2015 cando pensaron perdelo todo. E perderon moito.
Fernando leu unha oda o Larouco e lembrou o Padre Fontes, doente. O Larouco ardía esta mañá do lado portugués. Un helicóptero do servizo de extinción acompañou ao principio a marcha. A xente, non máis de cincuenta, fitaba de cando en cando cara o oeste. O lume subía daquela parte. O Larouco arde sempre, continuamente; mais agora ten tropa que o defenda e capitáns sobre o terreo.
O gaiteiro tocou cara o val desde unha das zonas de despegue do parapente.
Camiñando a xente non fala xa sobre a LAT. Iso quedou claro no encontro cos de Iberdrola. A LAT, non. A xente camiña e vai falando do polígono de San Martiño, do proxecto Tramontana que queren meter aquí arriba. Arriba é unha chaira que ninguén se imaxina a pé de monte.
Unha chaira vizosa de árbores, matogueira e mesmo din que hai unha tubeira. "Do lado portugués está anunciada nos letreiros. Turfeira, que din por alí. Non sabemos se a teñen catalogada. Deste lado non. Pero o feito é que aquí nacen as augas que regan o val de Baltar, e Gomariz, Niñodaguia, Gudín", di Enrique Cuquejo.
Elvira Lama, alcaldesa de Xinzo, esta mañá no Larouco.
Hai un regato que baixa desde A Rousía. Ese lugar que agocha lendas á beira do Larouco. Hoxe tapado polo fume dos incendios. Din que o lume pasou a Sabucedo e a San Martiño, onde os veciños se queixaron diante de Iberdrola porque non lles pediron permiso para lle pór o mesmo nome ao polígono eólico. É un domingo estraño na raia. Ninguén parece atender o lume en Portugal. Os cazadores perseguen xabaríns alá abaixo porque non hai coellos que perseguir. Arriba, os muíños do polígono do Larouco (49 xigantes que ficarán ananos se aquí constrúen Tramontana) danlle as costas á Limia.
"Cantos millóns de euros vale esta paisaxe?", pregunta alguén. Óscar Paradelo, biólogo das Amigas das Árbores, que subiu o Monte da Neve en Celanova, o Monte Grande en Bande e hoxe sube até o penedo máis alto do Larouco, explícalle á xente que é unha turbeira e canto tempo custa que se formen as turbeiras que non se fan (non se pode) con euros.
Os participantes, coas faixas reividincativas, antes de iniciar o tramo a pé.
Un gaiteiro ataviado para a ocasión toca cara o Val. Alá abaixo, A Boullosa, Gomariz, Baltar, A Limia toda fechada ao leste polo magnífico San Mamede, ao que tamén subiu Óscar non hai moito. Tamén en defensa da montaña, porque o Macizo está baixo ameaza, como o Monte da Neve, o Monte Grande, o Larouco... mais cada monte sagrado vai topando a súa tropa. Esta batalla loitarase en todas partes. O monte é noso.