A Escola Rural de Saúde da Limia leva a Sandiás a mostra itinerante sobre historias de mulleres do rural

NOTICIAS A LIMIA | Mulleres que descobren mulleres

Público asistente á inauguración da exposición, este venres, en Sandiás.

DESPOIS DO 8 DE MARZO

A respecto de anteriores presentacións en Porqueira, Xinzo ou Vilar de Barrio, a exposición Mulleres Símbolo do Rural que chega a Sandiás, unha mostra itinerante baseada en historias de vida recollidas pola psicóloga Rosa Trujillo, incorpora tres novidades. Dúas son do lugar, as historias de María José e Manuela. Outra vén desde Santos (Brasil). É a de Marcia, directora de cultura do centro español. María José e Manuela aparecen nunha foto xunto a un tractor que manexan. Marcia está vestida de galega, a patria da tataravoa, que era de Ganade, e o tataravó, de Riós. 


Marcia enviou unha mensaxe de agradecemento desde o móbil ao outro lado do océano. Nin ela nin a nai naceron aquí. Pero levan o país dentro. E foron afinando sempre. María José falou en nome das labregas de Sandiás. Lembrou ela, muller alta e forte, que “hai moitas horas extra aos nosos lombos", e rematou dirixíndose a nai, presente no acto, “con moito amor, por ser sempre a mellor mestra da miña vida, unha loitadora e traballadora incansábel, un exemplo a seguir”.


“Antes dicíase que cando a muller casa, pon un pé na sepultura”, explicou o médico José Manuel Lage, director do Museo do Médico Rural. Lage lembrou a súa infancia e como nin el nin o pai movían un dedo para botar unha man no fogar, mentres que a nai si, traballaba a carón do pai no muíño, cos animais, na horta. Contou Lage como, cando se fixo médico, coidou dela e descubriu que tiña unha artrose brutal no pescozo e nas costas das que nunca a escoitou queixarse. E lembrou tamén como a nai, cando o parto del, fillo único, “estivo tres días nas cordas” e por iso non puido ter máis fillos. “No parto atábase unha corda a unha trabe ou a un canizo. E a muller agarrábase dela e turraba con enerxía para aliviar a dor e á vez facilitar a expulsión”, contou que lle contaran.


Tamén contou Lola Rico, outra das promotoras da exposición, unha historia breve de mulleres que se volven nais dos homes nun final durísimo. “Sei que a ela non lle importa que a conte. Ela coidaba do home, con alzhéimer. Un día dixémoslle que chega un momento de que a coidadora debe separar as camas, para poder descansar... Ela respondeu que non, que mentres o home seguise buscando a súa man pola noite as camas seguirían xuntas. E así foi até o final”.


“No final ninguén se lembra do pai. Sempre é a nai”, apuntou o doutor Lage. E outro doutor, o antropólogo Manuel Mandianes, tamén falou da vida, “que son momentos entre o principio e o final, ás veces alegres, outras moi tristes”. Nese lapso, entre o principio e o final, están “os proxectos”, dixo Mandianes, e as mulleres (“antes”) “case nunca podían desenvolver os seus, a non ser que o home emigrase”.


Nese lapso, falou Rosa Trujillo, están os proxectos e as estratexias. E sinalou unha das súas aprendizaxes, recibida dun grupo de mulleres do Brasil, precisamente. Mulleres que afinaban como Marcia. A estratexia daquelas mulleres que traballaban en Río de Janeiro con outras mulleres, como fan Lola e Rosa aquí, era facer entender que “vivir é afinar un instrumento, de dentro cara fóra, de fóra cara dentro, a toda hora, a todo momento, vivir é afinar un instrumento”.

A estratexia aquí é, dixo a psicóloga, “atreverse a falar”. E iso fan. Iso fixeron nas sucesivas presentacións Elena, Matilde, Rosa e moitas outras. A exposición itinerante Mulleres Símbolo do Rural son mulleres falando, descubrindo mulleres, vidas e estratexias que acaban, case sempre, volvendo a vista cara a nai, cara a patria, a infancia. Dentro cara fóra, fóra cara dentro, sempre e en todo momento.