NOTICIAS A LIMIA | Sandiás comeza a reparación de tres pistas cun total de 3,5 quilómetros
O Concello de Sandiás informou este xoves nun comunicado de prensa das obras que se están a acometer na pista entre Cardeita e Ladeira, un tramo de 1,2 quilómetros que se empezou a reparar o mes pasado para acondicionar o firme. Esta intervención fai parte do Plan Extraordinario de Infraestruturas Agrarias 2021 da Consellería de Medio Rural, que está dotado con 600.000 euros.
Ademais desta actuación, no termo municipal de Sandiás levaranse a cabo obras de rehabilitación da pista Couso de Limia-Areeiras de Sandiás (cun total de 1.650 metros) e do camiño ao carón da aldea de Piñeira de Arcos (675 metros). O Concello de Sandiás non desbota outras intervencións "que se determinen segundo as necesidades".
O organismo encargado de distribuír a subvención é a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, e a adxudicataria é a Empresa de Transformación Agraria (TRAGSA).