Rosa Cerqueiro, portavoz do Movemento Galego da Saúde Mental

ENTREVISTA | “O mundo rural está absolutamente precarizado na atención á saúde mental”

Rosa Cerqueiro é psicóloga clínica e traballa na sanidade pública.

Rosa Cerqueiro (Compostela, 1973) é psicóloga clínica na sanidade pública e portavoz do Movemento Galego da Saúde Mental. Este venres ofrecerá unha palestra na xornada Invisibilizadas para a medicina, que o Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Valedora do Pobo e a Escola de Saúde Rural da Limia, organizan en Xinzo.

Por que vai falar vostede da fibromialxia e como enfoca a súa conferencia?
As xornadas tratan de sinalar como hai unha tendencia a enmarcar moitos dos problemas de saúde física das mulleres como produto de problemas de saúde mental. A fibromialxia é unha desas doenzas que, con frecuencia, tenden a ser interpretados como un signo de debilidade. Historicamente as mulleres fomos consideradas como histéricas, psicoloxicamente inestábeis, queixosas... E así se atribuían as queixas somáticas a cuestións de saúde mental. A fibromialxia é unha enfermidade orgánica, de tipo reumatolóxico e máis preponderante nas mulleres.  

Mais está diagnosticada como tal, por que segue habendo prexuízos?
Si, está diagnosticada pola reumatoloxía, pero a realidade é que se pensa moitas veces que é un problema de saúde mental. É habitual que se constate a diagnose mais, acto seguido, se derive a un servizo de saúde mental. É evidente que, como calquera enfermidade física crónica, afecta a nivel emocional, porque afecta á mobilidade, á alimentación, á calidade de vida... O que vemos moitas veces son mulleres que senten que non lles están a facer caso, que se pensa que esaxeran a dor que sofren. Isto pasa coa fibromialxia, e tamén pasa que poden ter dificultades para que se lles conceda unha baixa laboral, poden pasar anos en bucle dun servizo a outro e a sensación que teñen é que non son tidas en conta.

Que fai unha especialista en saúde mental cando recibe unha persoa con fibromialxia?
Facemos unha valoración integral, temos en conta aspectos biográficos e de contexto, e temos en conta o nivel da dor, a frecuencia, como afecta á súa vida. Dáse unha especie de do, polo que eran capaces de facer e que non son quen de facer agora. Eu tendo a centrarme en como adaptar a vida á presenza da dor. Nin hai que negalo nin facer sobre-esforzos, e intentar evitar a depresión, a sensación de fracaso. Traballamos o equilibrio: saber coidarse e non machacarse tanto a nivel psicolóxico.

A xornada leva por título ‘Invisibilizadas para a medicina’, segue estando a metade da poboación invisibilizada no ámbito da atención sanitaria?
Si. É queda moito camiño por percorrer. E en máis ámbitos. Por exemplo, na investigación, cando non se teñen en conta diferencias a nivel hormonal e se deixa fóra un determinado grupo de persoas. Tamén constatamos diferencias en casos de diagnósticos. Un varón con dificultades cardíacas vai ser derivado ao servizo correspondente, mais unha muller cos mesmos síntomas terá máis posibilidades de ser derivada ao servizo de saúde mental. 

Por que acontece iso?
Polo nesgo de xénero. Son xuízos moralistas, e non terminamos de nos desprender diso. Queda moito, moitisimo.

Un varón con dificultades cardíacas vai ser derivado ao servizo correspondente, mais unha muller cos mesmos síntomas terá máis posibilidades de ser derivada ao servizo de saúde mental. 

Como parte do Movemento Galego da Saúde Mental, que escenario deixou a pandemia no país?
Pois agora parece que se fala máis de saúde mental. Está ben. Os problemas e o malestar xa estaban antes. As investigacións máis serias parece que están a sinalar ás mulleres e á mocidade como os colectivos máis afectados por problemas de saúde mental a raíz da pandemia. A primeira hipótese no caso das mulleres é que, sobre todo na fase de confinamento, duplicaron os traballos de coidados de persoas maiores e nenas e nenos sen escola. Sufriron unha sobrecarga de traballo nos coidados. E tamén ten a ver coa maior precarización laboral, porque a pandemia empeorou a situación dos colectivos máis precarizados.  

Fálase máis de saúde mental, estase facendo algo máis desde a Administración?
Está en marcha un plan galego de saúde mental que viñamos reclamando desde hai anos, especialmente desde a crise económica a partir do 2008, período no que se comprobou que aumentou a prevalencia dos problemas de saúde mental, o sufrimento a nivel social. A situación, precaria, da atención á saúde mental é endémica. No 2020 logrouse impulsar o plan, mais os recursos, e dixémolo naquela altura, eran insuficientes. Por poñer un dato: no 2021, a lista de espera en Galicia para a primeira consulta de saúde mental alcanzou o pico máximo de 10.000 persoas, cando dous anos antes eran 8.000 e no 2014, ao redor de 4.000. Hai máis demanda e os recursos seguen a ser insuficientes

No 2021, a lista de espera en Galicia para a primeira consulta de saúde mental alcanzou o pico máximo de 10.000 persoas, cando dous anos antes eran 8.000 e no 2014, ao redor de 4.000. 

Hai diferencias entre o rural e o urbano na saúde mental das poboacións?
Pois unha das nosas queixas é a da falta de datos que permitan unha análise da situación. O que podo dicir é que é moi necesario facer esa análise e valorar até que punto poden existir diferencias e intervir. O que si teño claro é que o mundo rural está absolutamente precarizado en recursos de atención á saúde mental. Quero dicir que podería haber unha prevalencia de problemas de saúde mental similar, pero o que si sabemos é que os recursos son moitos menos. O lugar no que resides determina os recursos aos que poder ter acceso. É unha discriminación. Hai máis risco onde hai menos recursos. Por exemplo, no caso dos suicidios.

Sábese que o esforzo de traer estes debates a estes lugares ten un impacto beneficioso para a saúde. 

Que espera da xornada do venres?
En primeiro lugar teño que dicir que me gusta que este tipo de xornadas se leven a localidades onde habitualmente non se adoitan a facer. En segundo lugar, gústanme estes foros que falan das cousas que importan e nos que o público pode entrar na conversa. Sábese que o esforzo de traer estes debates a estes lugares ten un impacto beneficioso para a saúde. Destas cousas fálase pouco, e das cousas de mulleres case nunca se fala.